domingo, 7 de enero de 2018

MARÍA AUXILIADORA. ASOREY E A IMAXINERÍA RELIXIOSA

Francisco Asorey aprende o oficio de escultor no obradoiro de imaxinería relixiosa que os Salesianos tiñan en Sarriá, Barcelona. E as súas primeiras obras, son polo tanto imaxes relixiosas. A primeira obra súa que coñecemos é un Cristo que formaba parte dun Calvario, xunto coas imaxes de san Xoán e a Virxe. O Cristo consérvase no Colexio dos Salesianos de Barakaldo, nada sabemos das outras dúas imaxes.  En Barakaldo monta Asorey o seu primeiro obradoiro de escultura, do que empezan a saír encargos. Neste sentido comenta Ramón Otero Túñez, na súa obra de 1959, El escultor Francisco Asorey, pax. 92 que neste taller Asorey fai unha imaxe de María Auxiliadora para a igrexa dos Salesianos de Sevilla.

      Imaxe da Virxe  María Auxiliadora, patroa dos Salesianos situada na Igrexa da Trindade  dos Salesianos de Sevilla.  Foto: M. Iglesias


Tiven ocasión de ir recentemente á esta cidade andaluza e visitar a igrexa da Trindade dos Salesianos, falei co rector do colexio e alí nada saben da imaxe de Asorey. A imaxe que alí teñen chegou a Sevilla en 1895 (Asorey tiña 6 anos) procedente do taller de Sarriá. É obra de Parellada, mestre de Asorey nos anos que pasou en Barcelona. Quizais de aí veña a confusión, porque Otero Túñez nese libro citado reproduce unha imaxe desta virxe que corresponde en realidade á de Parellada, tal como puden comprobar.

Reproducción do libro de Otero Túñez de 1959

Detalle da imaxe de María Auxiliadora de Sevilla, obra do escultor catalán Parellada. A imaxe como se pode comprobar comparandoas é a mesma. De onde vén o erro de identificación que fai Otero?

A explicación do erro que comete Otero Túñez, catedrático de Universidade e home moi rigoroso, quizais veña do feito de que el non pudo ir a Sevilla a ver a imaxe e por iso encarga ao Sr. Guede, así o explica nunha nota de agradecemento no seu libro (pax. 92) para que lle envíe unha fotografía. É polo tanto o Sr. Guede o que comete o erro de supoñer que esta imaxe é a de Asorey, cando en realidade é de Parellada.

Non quixen incluír esta imaxe no catálogo de obras que fixen para a miña tese doutoral sobre Asorey porque había cousas que non me cadraban. E isto reafírmame no feito de que non hai que dar sempre por bos os datos que veñen nos libros, anque os proporcione o mesmo Otero Túñez ou calquer outro prestixioso autor, porque ata o máis sabio pode cometer erros. Sempre hai que contrastar a información, especialmente cando temos dúbidas, porque senón os erros perpetúanse dunhas publicacións a outras como tiven ocasión de comprobar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario