lunes, 8 de enero de 2018

AS ESCULTURAS DO MESTRE MATEO NA CATEDRAL DE SANTIAGO (1)


http://www.detectivesdelahistoria.es/wp-content/uploads/2015/10/portico-de-la-gloria-completo-2.jpg

Comentei noutra entrada anterior o programa arquitectónico e iconográfico do Pórtico da Gloria de xeito xeral. Imos agora polo miúdo.

Localizastes os personaxes citados por san Xoán no Apocalipse?


O Deus ou Pantocrátor (todopoderoso) do Pórtico da Gloria ocupa o espazo central, é a Maiestas Domini como en moitas outras representacións do románico. Pero algo cambiou, este é un deus máis amable, que mostra os signos de dor, as chagas das mans que lle atravesaron os cravos na cruz, a ferida do peito cando lle cravaron a lanza... O xeito tradicional de representalo é bendicindo (anque parece que máis que bendicir ameaza) e cun libro.



  Comparando estas dúas representación do mesmo tema, de épocas similares, segunda metade do s. XII, vese a novidade do Pórtico de Mateo. O seu Cristo-Deus todopoderoso é máis natural, máis real. Alónxase da mentalidade do románico de meter medo á poboación porque a fin dos tempos está cerca. Tamén os tetramorfos (as catro formas ou vivientes que cita o Apocalipse) que simbolizan aos catro evanxelistas -os apóstolos que contaron nos evanxeos a vida de Cristo- son diferentes. Aparecen os seus símbolos: s. Xoán a águia, s. Marcos o león, s. Lucas o touro e s. Mateo o anxo. Pero de novo Mateo dá un paso máis na conquista da realidade, os evanxelistas aparecen escribindo sobre un pergamiño por riba do seu signo, de xeito similar a como farían os escribas medievais. Dixo Castelao que neste pórtico predomina máis a Gloria que o Xuízo final. Noutras portas medievais faise máis fincapé na idea do xuízo e o castigo aos pecadores (véxase en Conques) que aquí queda relegada ao arco lateral sur. O arco central representa a Gloria, os elexidos, a segunda volta de Cristo, a parusía.

Á parte das figuras comentadas tamén aparecen neste tímpano central, aos lados de Cristo, anxos que levan os instrumentos con que este foi torturado, seguindo esa idea que citamos de falar do sufrimento de Cristo que nunca aparece na arte románica e si será unha característica da nova arte gótica.

De esquerda a dereita anxos coa columna, a cruz e a coroa de espiñas. Coas mans "veladas", sen tocar directamente o obxecto, para remarcar o seu caracter sagrado.

Catro anxos máis, coa lanza que lle atravesou o peito e os catro cravos, a xarra co viño e fel que lle deron a beber, o martelo e cilicio co que o torturaron e finalmente o último anxo leva unha cana coa esponxa coa que lle deron de beber o fel. Os anxos apoian os pés sobre unhas follas carnosas, furadas co trépano, que se repiten por toda a obra de Mateo, é case unha marca do seu estilo. Abaixo de todo é posible ver a inscrición que se coloca ao finalizar o Pórtico, en 1188:

ANNO AB INCARNATIONE DNI MCLXXXVIII ERA MCXXVI DIE KL APRILIS SUPER LIMINARIA PRINCIPALIUM PORTALIUM [dintel esquerdo]
ECCLESIA BEATI IACOBI SUNT COLLOCATA PER MAGISTRUM MATHAEUM QUI A FUNDAMENTIS IPSORUM PORTALUIUM GESSIT MAGISTERIUM [dintel dereito]

"No ano da encarnación do señor de 1188, Era 1226, no día das Kalendas de abril [día 1º do mes], os dinteis do pórtico principal da igrexa do benaventurado Santiago foron colocados polo Mestre Mateo, que dirixíu este portal dende os seus alicerces"

As dimensións deste arco central son tan grandes que faise preciso colocar unha columna ou parleluz no medio. Aquí aproveita Mateo para colocar a figura de Santiago, patrón da igrexa, xusto debaixo de Cristo, e en liña co altar que está ao fondo, onde está outra imaxe de Santiago. Non é casual.
A figura de Santiago aparece representada co báculo en tao, a letra T grega, que levaban os bispos composteláns. Leva tamén un pergamiño, cunha inscrición hoxe ilexible que debía ser: Misit me Dominus (envioume o Señor). Está sobre un asento colocado sobre os lombos de leóns, un animal con moito simbolismo no románico e que a miúdo está relacionado con Cristo. Santiago é o patrono desta catedral, é lóxico que ocupe un lugar preferente neste pórtico pero tamén demostra Manuel Castiñeiras como hai un interese por relacionar a Santiago con Cristo, por exemplo relacionándoo coa súa xenealoxía. Santiago e Xoán, seu irmán, eran primos irmáns de Xesucristo, fillos de dúas irmáns: María e María Salomé.



Por debaixo de Santiago aparece unha columna historiada co fuste en mármore (hai tres máis no Pórtico) na que está representada no capitel a Trindade, as tres persoas do dogma cristiá: pai, fillo e espírito santo (a pomba) e por debaixo a xenealoxía de Cristo.



A xenaloxía de Cristo represéntase conforme á árbore de Xesé que se cita na profecía de Isaías e no Novo Testamento. Abaixo da columna está o propio Xesé representado como un vello, do seu peito xurde a árbore e nas súas pólas aparecen David, o seu fillo, (tocando a arpa) e logo Salomón, o seu neto, e enriba de todo a Virxe.


Nos laterais do arco central aparecen representados profetas (esquerda) e apóstolos (dereita). Os profetas representados son de dta a esq.: Moisés (coas táboas da lei), Isaías, Daniel e Xeremías (aparece seu nome no pergamiño que portan). Serafín Moralejo lanzou a idea fai anos de que a presencia de tantos profetas no Pórtico (aquí e nos outros arcos e tamén na contraportada) así como a presencia dos anciáns portando instrumentos e outras referencias simbólicas musicais podían explicarse considerando que o Pórtico estaba inspirado nun drama litúrxico do s. XII chamado Ordo Prophetarum, ou procesión dos profetas que soía representarse en Nadal. Na Catedral de Santiago púidose ver esta representación  varios anos durante o Nadal. Foi interrumpida en 2010.

A hipótese da inspiración nese drama litúrxico explicaría a presenza no pórtico de figuras como o poeta Virxilio, a sibila Eritrea, s. Xoán Bautista e Nabucodonosor que son personaxes do Ordo Prophetarum






Xusto en fronte aparecen representados apóstolos. De esq a dta, Pedro (coas chaves), Pablo (co libro), de novo Santiago (con libro e bastón en tao) e tamén de novo o seu irmán Xoán (imberbe por ser o máis novo dos apóstolos, con libro por haber escrito o Evanxeo e pisando un aguia, o seu símbolo).

Esto no que respecta ao arco central. Os arcos laterais están en relación co arco central. Xa Serafín Moralejo puxo de relevo que no sermón De symbolo do bispo de Cartago, Quodvultdeus, contemporáneo de s. Agustín, se falaba dos signos do Xuízo Final: o descenso ao limbo, o inferno e a Parusía de Cristo. Este texto servirá de inspiración posteriormente para o Ordo Prophetarum. Así que probablemente teñamos neste pórtico esa representación: no arco esquerdo (ou norte) o descenso ao limbo, no arco central, a Parusía, ou segunda chegada de Cristo e a Gloria, e no arco dereito (ou sur) O inferno. Vexámolo en detalle.

Arco norte. Descenso ao limbo
Na primeira arquivolta aparecen dez figuras coroadas e con pergamiños, aprisionadas por unha moldura redondeada que se ten interpretado como símbolo da lei de Moisés, a lei xudea.


Arco norte. Primeira arquivolta, no centro Cristo entre Adán e Eva, representados nús e tapados coas carnosas follas mateanas. A un lado e outro aparecen outras oito figuras (catro a cada lado), tamén entre follas, case todas con coroas na cabeza e falando entre si, que se teñen identificado con personaxes do Antigo Testamento.

A interpretación do arco da dereita (ou sur) é máis doada, porque aparece representado o Xuízo Final, segundo recolle o evanxeo de s. Mateo. Nas claves das dúas arquivoltas aparecen deus pai e o arcanxo s. Miguel, o anxo que pesa as almas. Á dereita (pero esquerda ou siniestra de deus como di o Evanxeo) escenas do Inferno e os condeados, que son devorados por monstros. Á esquerda (dereita de deus) os elixidos, representados coas figuras núas de nenos (representación da alma na Idade media) que son conducidas cara o arco central (a Gloria) por anxos.
Nesta imaxe vemos aos condenados e a imaxe dun anxo tocando unha trompeta (hai máis no pórtico), tal como se conta no Apocalipse de s. Xoán.


A ambos lados do arco central figuras de anxos conducen as almas cara a Gloria
As almas do arco da esquerda están coroadas as do dereito non. Algúns autores apuntan a que se trata do pobo xudeo, o elixido. Certamente o arco da esquerda parece máis relacionado co Antigo Testamento, a antiga lei. Cristo, cuxa vida se conta no Novo Testamento trouxo a nova lei. 
Nas xambas das columnas dos arcos laterais tamén hai estatuas-columnas, xa de menos calidade, o que indica que as fan artitas do taller de Mateo pero menos dotados. Quizais sexan profetas os do arco esquerdo e apóstolos os do arco dereito, seguindo a representación do arco central e o esquema de oposición antigo-novo testamento.
Apóstolos, esquerda do arco sur

Apóstolos, dereita do arco sur


Profetas, esquerda do arco norte


Profetas, dereita do arco norte

Queda falar das basas nas que se asentan as columnas, pilares e machóns  do Pórtico. Aparecen numerosas esculturas, case todas de animais, algúns reais, como osos ou leóns outros imaxinarios como os grifos, mestura de águia e león. Outro enigma do pórtico. Son en total, catro homes, sete grifos, cinco leóns, un oso, un monstro vestido e outro alado. Que representan? A tradición fala dunha representación dos vicios e pecados pero resulta unha explicación demasiado sinxela para unha obra tan complexa coma esta.






Non remata aquí a descripción das esculturas do Pórtico, son centos as representadas. Detivémonos nas máis importantes. Trátase dunha obra extraordinariamente complexa, dirixida polo Mestre Mateo pero na que tiveron que participar numerosos escultores e seguramente algunha persoa vinculada á igrexa que asesorou ou indicou os temas litúrxicos e símbolos a tratar. Apunta Castiñeiras que ben puidera ser o Chantre da catedral, pola carga simbólico-musical que ten o pórtico.

Escribe Manuel Castiñeiras no catálogo da exposición "Maestro Mateo", (pax. 65):

"Estoy también convencido de que Mateo fue contratado como director de obras o superintendente de un templo que necesitaba una remodelación/finalización urgente y de que, desde la ostentación de este cargo, no dudaría en intervenir en otras partes de la iglesia con el fin de remozar, monumentalizar y, en cierto modo, unificar su aspecto, con miras a su inauguración. Así, tal y como se observa en la Puerta de Platerías, las ventanas de arcos lobulados del primer piso se enmarcaron con los arcos abocinados de tres arquivoltas de carnosa decoración vegetal, similares a los que probablemente también se colocaron en la destruída Puerta Francígena. Su objetivo consistía en monumentalizar las viejas fachadas del transepto y unificarlas con respecto al nuevo imafronte occidental. A esta misma intervención pertenecen los óculos abiertos en los, hasta entonces, hastiales ciegos de sendas fachadas del transepto, con un festoneado similar al del gran rosetón de la desaparecida fachada del Pórtico de la Gloria. En mi opinión, la finalidad de esos tres vanos - occidental, sur y norte- no era otra que dar más luz al interior de la basílica, en concreto a su nuevo coro y al también nuevo protagonista del altar mayor, la estatua sedente de Santiago"



Tamén seguindo a Castiñeiras temos que dicir que o Pórtico introduce un novo eixe direccional na catedral. Se na época de Xelmirez os peregrinos entraban na igrexa pola porta norte ou Francíxena para dirixirse á tumba do santo. O eixe da construción era polo tanto norte-sur, de portada a portada. Coa ampliación das naves do brazo maior e a construción do Pórtico a nova orientación visual e constructiva pasa a ser leste-oeste. Os elementos do pórtico (as esculturas de Cristo-Deus, Santiago e o propio Mateo aos pés) reforzan estas liñas visuais.

Os dinteis do Pórtico foron colocados en 1188, pero Mateo debeu seguin traballando na igrexa anos despois, ata cando? non sabemos. O que é probable é que el non estivese presente na cerimonia de consagración da igrexa que se fixo o 21 de abril de 1211, con gran pompa e a presenza do rei de Galicia, León, Asturias e Extremadura, Afonso VIII (ou IX). Para esa data o arcebispo Pedro Muñiz manda colocar sobre as portas menores da basílica, 12 cruces menores, chamadas de consagración e que para Francisco Prado-Vilar evocan as 12 portas da descrición que fai o Apocalipse da Xerusalen Celeste. A identificación que se quere facer coa basílica é evidente.

Nestas doce cruces aparecen a alfa e a omega, letras primeira e última do alfabeto grego, símbolo de Cristo, principio e fin dos tempos, e de novo os símbolos do sol e a lúa que se citan tamén no Apocalipse como símbolos da cidade celestial "que non precisa de sol e de lúa para iluminarse..." A simboloxía que se quere introducir é clara. Quen entre nesta basílica, entra nesa Xerusalem celestial, na Gloria que se representa no Pórtico, a das almas perdoadas. Santiago aparece así como un dos destinos de peregrinación máis importantes da Cristiandade, equiparable a Roma ou Xerusalem, como soñou Xelmirez. E non era allea esta idea a unha intencionalidade política.

Foi o rei Fernando II o que encargou a Mateo a continuación das obras da basílica. O pai de Fernando, Afonso VII, dividira o reino entre os seus fillos. Para Fernando Galicia e León, para Sancho, Castela. A Fernando sucédeo o seu fillo Afonso VIII (IX na numeración castelá). Existiu seguro unha rivalidade entre os reinos divididos e o interese destes dous reis de Galicia e León foi convertir a Santiago na súa capital relixiosa. E no seu Panteón Real, porque aquí foron enterrados ambos. Coincide no tempo a finalización da basílica coa afirmación do poder do rei que se dá noutros reinos europeos como Francia. O gótico francés nace na zona da Île de France, a rexión que arrodea París, na abadía de Saint-Denis (tamén Panteón Real) e o seu abade Suger, conselleiro dos reis da dinastía Capeta, que impulsaron decididamente a construción das catedrais góticas francesas, e que utilizaron  estas construcións como afirmación do poder da monarquía. As galerías de reis do Antigo Testamento das catedrais góticas tiña ese sentido. De reis e símbolos monárquicos como a coroa está cheo tamén o noso Pórtico da Gloria, como vimos. Unha irmá de Fernando II, Constanza, casara co rei francés Luís VII, do que foi conselleiro Suger, influiría esta conexión? estaría Mateo en París?.

O impacto dunha obra da envergadura do Pórtico da Gloria tivo que ser moi fondo. Por suposto na arte galega, que sigue imitando a escultura de Mateo varios séculos despois (catedral de Ourense, Mosteiro de Carboeiro, Igrexa de s. Martiño de Noia, fachada do Rectorado de Santiago...) pero tamén na arte europea. Castiñeiras recolle a testemuña fervorosa e admirada dun peregrino a Santiago no texto da Visión de Thurkill, escrito en Inglaterra en 1206, uns vinte anos despois de rematado o Pórtico e na que o peregrino describe a experiencia de entrada nunha auténtica "Porta do ceo". Porque o Pórtico que hoxe vemos dista bastante da visión que este ofrecía recén rematado e coa policromía de dourados e azul lapislázuli que o cubrían. O Partenón galego chamoulle Emilia Pardo Bazán e non se equivocaba, facía séculos que en Europa non se vía nada igual.


Reconstrución da policromía orixinal do Pórtico feita polo equipo de investigadores financiados pola  Fundación Pedro Barrié de la Maza.
http://www.fundacionbarrie.org/simposio-mellon-programa-catedral

Por que fascina esta obra?. Pola monumentalidade? pola complexidade do seu programa iconográfico? Polo inmenso número de esculturas? pola calidade que estas teñen?
A min persoalmente gústame pola proximidade que as esculturas teñen, como nos deixan achegarnos a elas, identificarnos con elas. Algunhas son grotescas outras maiestáticas, aparecen sorrindo, ou doces e tenras. Nacen da nova mentalidade baixomedieval de achegar a experiencia relixiosa á xente, e consígueno. Con peregrinos e turistas, con crentes e ateos con xente humilde e culta... desta fonte bebeu moito Asorey.

Nos vos conmoven a inxenuidade dos caracois dos rizos deste s. Mateo,  a delicadeza das mans, os detalles das roupas, a dozura do rostro?

Se rematan finalmente as obras de restauración e podemos contemplar de novo esta alfaia da arte universal aconsello achegarse a ela de tu a tu. Non deixarse impresionar pola monumentalidade. Mirar os detalles, por que o home que ideou esta obra era un ser humilde, que se retratou debaixo dela, mirando ao santo patrón, pedindo perdón por habela feito. Así mirou Rosalía o Pórtico, así que no aniversario do seu nacemento, un 24 de febreiro,  remato cos versos que lle dedicou en Follas Novas. Rosalía conseguiu escoitar os sons que saen da pedra, as conversacións dos personaxes, en definitiva, o latexar da vida  que teñen estas pedras eternas.

...O sol poniente, polas vidreiras
da Soledade, lanza serenos
raios que firen descoloridos
da Groria ós ánxeles i ó Padre Eterno.
Santos apóstoles, -¡védeos!- parece
que os labios moven, que falan quedo
os uns cos outros, e aló na altura
do ceu a música vai dar comenso,
pois os groriosos concertadores
tempran risoños os instrumentos.

¿Estarán vivos? ¿Serán de pedra
aqués sembrantes tan verdadeiros,
aquelas túnicas maravillosas,
aqueles ollos de vida cheos?
Vós que os fixeches de Dios ca axuda,
de inmortal nome Mestre Mateo,
xa que aí quedaches homildemente
arrodillado, faláime deso.
Mais co eses vosos cabelos rizos,
santo dos croques, calás... i eu rezo.

Aquí está a groria, mais naquel lado,
naquela arcada negrexa o inferno
cas almas tristes dos condanados,
onde as devoran todo-los demos.
De alí non podo quitá-los ollos,
mitá asombrada, mitá con medo,
que aqueles todos se me figuran
os dun delirio mortaes espeutros.

¡Cómo me miran eses calabres
i aqueles deños!
¡Cómo me miran, facendo moecas
dende as colunas onde os puxeron!
¡Será mentira, será verdade!
Santos do ceo,
¡saberán eles que son a mesma
daqueles tempos...?
Pero xa orfa, pero enloitada,
pero insensibre cal eles mesmos...
¡Cómo me firen...! Voume, si, voume,
¡que teño medo!...

FOLLAS NOVAS, Na catedral, 1880

domingo, 7 de enero de 2018

MARÍA AUXILIADORA. ASOREY E A IMAXINERÍA RELIXIOSA

Francisco Asorey aprende o oficio de escultor no obradoiro de imaxinería relixiosa que os Salesianos tiñan en Sarriá, Barcelona. E as súas primeiras obras, son polo tanto imaxes relixiosas. A primeira obra súa que coñecemos é un Cristo que formaba parte dun Calvario, xunto coas imaxes de san Xoán e a Virxe. O Cristo consérvase no Colexio dos Salesianos de Barakaldo, nada sabemos das outras dúas imaxes.  En Barakaldo monta Asorey o seu primeiro obradoiro de escultura, do que empezan a saír encargos. Neste sentido comenta Ramón Otero Túñez, na súa obra de 1959, El escultor Francisco Asorey, pax. 92 que neste taller Asorey fai unha imaxe de María Auxiliadora para a igrexa dos Salesianos de Sevilla.

      Imaxe da Virxe  María Auxiliadora, patroa dos Salesianos situada na Igrexa da Trindade  dos Salesianos de Sevilla.  Foto: M. Iglesias


Tiven ocasión de ir recentemente á esta cidade andaluza e visitar a igrexa da Trindade dos Salesianos, falei co rector do colexio e alí nada saben da imaxe de Asorey. A imaxe que alí teñen chegou a Sevilla en 1895 (Asorey tiña 6 anos) procedente do taller de Sarriá. É obra de Parellada, mestre de Asorey nos anos que pasou en Barcelona. Quizais de aí veña a confusión, porque Otero Túñez nese libro citado reproduce unha imaxe desta virxe que corresponde en realidade á de Parellada, tal como puden comprobar.

Reproducción do libro de Otero Túñez de 1959

Detalle da imaxe de María Auxiliadora de Sevilla, obra do escultor catalán Parellada. A imaxe como se pode comprobar comparandoas é a mesma. De onde vén o erro de identificación que fai Otero?

A explicación do erro que comete Otero Túñez, catedrático de Universidade e home moi rigoroso, quizais veña do feito de que el non pudo ir a Sevilla a ver a imaxe e por iso encarga ao Sr. Guede, así o explica nunha nota de agradecemento no seu libro (pax. 92) para que lle envíe unha fotografía. É polo tanto o Sr. Guede o que comete o erro de supoñer que esta imaxe é a de Asorey, cando en realidade é de Parellada.

Non quixen incluír esta imaxe no catálogo de obras que fixen para a miña tese doutoral sobre Asorey porque había cousas que non me cadraban. E isto reafírmame no feito de que non hai que dar sempre por bos os datos que veñen nos libros, anque os proporcione o mesmo Otero Túñez ou calquer outro prestixioso autor, porque ata o máis sabio pode cometer erros. Sempre hai que contrastar a información, especialmente cando temos dúbidas, porque senón os erros perpetúanse dunhas publicacións a outras como tiven ocasión de comprobar.