sábado, 30 de diciembre de 2017

QUEN FOI O MESTRE MATEO?

http://patrimoniocultural11.wikispaces.com/file/view/santocroques.jpg/220029334/santocroques.jpg

Aos pés do Pórtico da Gloria autorretrátase Mateo


Pouco sabemos deste xenio da escultura. Naceu en Galicia? en Santiago? ou en Francia?. Na cultura teocéntrica da Idade Media o individuo non ten moita importancia. Os artistas son considerados artesáns, traballan coas súas mans e polo tanto pertencen ao estamento de menos prestixio, os laboratores, sometidos a traballos e impostos. Fan o que se lles pide,  pouco sabemos da vida destes artistas, ás veces nin o seu nome: o escultor que traballou na portada sur da catedral, a de praterías, coñecémolo como o mestre de praterías. Como moito coñecemos o nome dalgúns, como Mateo.

Pero  moi excepcional debía ser este home para que o rei Fernando II asine un documento no ano 1168 no que concede ao magistri Matheo unha pensión de por vida de 100 marabedíes ao ano para que "redunde en melloría da obra de Santiago e da túa propia persoa". O documento consérvase no arquivo da Catedral de Santiago.

Pouco máis sabemos, non se conserva apenas documentación. Prado-Vilar afirma que debeu ser unha persoa de sólidos coñecementos, formada fóra da Península, quizais en París ou Chartres, dúas cidades que contaban con escolas catedralicias que tiñan contactos con Compostela. Sabemos por exemplo que o Arcebispo Pedro Suárez de Deza, formouse en París. E foi arcebispo de Santiago entre 1173 e 1206, é dicir na época na que se constrúe o Pórtico da Gloria. As influencias da arte francesa no Pórtico son indudables e teremos ocasión de sinalalas nas próximas entradas.

https://cdn.superstock.com/4409/Download/4409-105853.jpg
O Mestre Mateo retrátase o pé da súa obra, axeonllado e humilde, mirando cara o altar da basílica e o santo apóstolo. Suxeita cunha man unha filacteria na que xa non é posible ver a inscrición pero que por tradición se di que levaba escrito Architectus. Coa outra man toca o peito, o corazón?. Francisco Prado-Vilar interpreta así estes elementos en clave simbólica: a man que executa a obra conéctase co corazón, que na época medieval se relaciona co intelecto (a memoria, a inventio e a phantasia). A figura viste unha túnica e os cabelos resólvense en múltiples rizos, como os que adornan moitas das esculturas do Pórtico e que son un elemento identificatorio das obras do mestre Mateo.

Todo cambiou na escultura galega dende o Mestre Mateo. E durante varios centos de anos non houbo escultura feita en Galicia que non se vise influída pola obra deste xenial artista. Ata chegar a Asorey.

No hay comentarios:

Publicar un comentario