domingo, 31 de diciembre de 2017

A CONSTRUCIÓN DA CATEDRAL DE SANTIAGO

 Esta entrada está dedicada a Xosé Luís Alonso que pasa 
por uns difíciles momentos estes días debido á morte de seu pai.
El, que compartiu xenerosamente na rede as magníficas fotografías
que fixo nunha viaxe recente ao Languedoc francés, inspirou 
a realización deste pequeno traballo.

O Pórtico da Gloria é unha obra escultórica e arquitectónica. E a pintura que a cubre, aínda hoxe, fai que a podamos considerar unha obra total, onde as tres "belas artes" se funden en armonía. Non entenderemos o Pórtico sen repasar como foi a construción da basílica compostelá. Imos alá.

A historia da catedral de Santiago empeza cando, segundo a tradición, un eremita chamado Paio, ve luminarias, luces, que lle sinalan un lugar, e alí atopa un enterramento, arcis marmoricis, unha arca  ou arcos de mármore. Ao bispo desa diócese, Teodomiro, que vive na vila de orixe romana de Iria Flavia, comunícaselle o descubremento, a inventio. Estamos arredor do 822, no s. IX e sexa polos motivos que sexan, o bispo Teodomiro e o rei Afonso II certifican que estamos ante a tumba do apóstolo de Cristo: Jacob-Iacobus-Sant Iago. Decapitado en Xerusalem no 44 dc e segundo a tradición, traído polos seus discípulos Atanasio e Teodoro ata o finisterre do Imperio romano, e soterrado nun lugar da comarca da Mahía. Ata aquí a tradición, que sexa o apóstolo Santiago o maior o aquí soterrado depende da fe de cada un.

A arqueoloxía comprobou que no lugar onde se atopou esa arca ou arcos de mármore existía unha necrópole (cemiterio) romana que continou sendo utilizada posteriormente polos invasores xermánicos (Suevos).

http://portal.protecturi.org/images/stories/museo_catedral_santiago/Catedral_Santiago_01.jpg
Nesta imaxe podemos ver, superpostas ao plano da catedral románica, as tumbas romanas e xermánicas atopadas nas excavacións realizadas, entre outros, por Manuel Chamoso Lamas, nos sotos da catedral, e que hoxe é posible visitar.

Atópase na rede un artigo de E. V. Pita, con interesantes debuxos que reproducen hipotéticamente como sería a cidade de Santiago nesa época. A actual cidade sitúase sobre un interfluvio ou outeiro entre os ríos Sar e Sarela. A catedral está asentada efectivamente sobre unha zona de forte pendente (de aí os problemas arquitectónicos aparecidos para alicerzar a construción).  E. V. Pita apunta a posibilidade da existencia dun campamento romano, asentado sobre o que hoxe é a zona da praza de Cervantes, chamada de antigo a praza do Campo. Extramuros deste campamento atoparíase outro asentamento de comerciantes romanos, que daría orixe ao topónimo Vilar (hoxe rúa do Vilar). E entre ambos un cemiterio ou necrópole (a praza da Quintana continuou sendo moitos séculos despois un lugar de enterramento). Este asentamento de época romana estaría en relación coa proximidade á vía XIX per loca marítima que viña de Braga e continuaba ata Lugo. Aparece ilustrada esta hipótese con interesantes debuxos.

http://archeopolis.blogspot.com.es/p/santiago-de-compostela_82.html
 O bispo eo Rei confirman que ese enterramento era o de Santiago e non faltaron motivacións políticas para facelo, como a necesidade de afirmación da monarquía Galaico-Asturiana fronte á sé episcopal toledana, sita en territorio musulman. Edifícase entón, sobre o chamado edículo apostólico unha pequena igrexa que o protexa e aséntase ao seu carón unha comunidade de monxes, o mosteiro de Antealtares (de aí o seu nome), para que coide a tumba e manteña o culto. Anos despois esa pequena igrexa quédase pequena e Afonso III manda construír unha máis grande, de estilo prerrománico asturiano, de feito unha das máis grandes construídas nesa época, o s. X.

http://www.arquivoltas.com/21-lacoruna/Santiago%20G04a.jpg

Nesta imaxe pode verse o plano da igrexa de Afonso III construída integrando o edículo apostólico (na capela maior) e a primeira igrexa de Afonso II. No século seguinte (s. XI) ante a afluencia de peregrinos, de novo vai ser preciso ampliar a Igrexa de Santiago; tamén pudo influír a necesidade de reconstruír os danos causados polo ataque de Almanzor á cidade no 997 e así se fará reinando Afonso VI e o bispo Diego Peláez. 

O inicio da construción está datado nun dos capiteis das columnas da capela central do Salvador da actual catedral románica, no 1075. Na imaxe anterior aparecen as primeiras capelas construídas da nova basílica por detrás do edículo e no espacio do Mosteiro de Antealtares, co que houbo que chegar a acordo para que retranquease a súa situación.

O Códice Calixtino di que " os mestres canteiros que empezaron a edificar a catedral de Santiago chamábanse don Bernardo o vello, maestro admirable, e Roberto, con outros cincuenta canteiros". Estívose traballando na nova construción ata 1088 en que se interrumpen as obras, debido ao conflicto xurdido entre o bispo Diego Peláez e o rei Afonso VI que levou ao bispo á cadea e posteriormente ao exilio en Aragón.

Plano-maqueta da basílica prerrománica de Afonso III, mosteiro de Antealtares e capela da Corticela (xerme do futuro Mosteiro de s. Martiño Pinario)  sobreposto ao plano da catedral románica posterior



                          http://3.bp.blogspot.com/-rSESrt8ClCg/VQKstArP1QI/AAAAAAAAH98/K2EebSmyie8/s1600/DSC01907.JPG                                        Reconstrución virtual de Santiago no s. X. O nº 1 corresponde á basílica de Afonso III, 2 á capela da Corticela, 7,8,9 ao Mosteiro de Antealtares. Abaixo plano hipotético da cidade nesa mesma época, aparece na gran enciclopedia galega.

 
http://2.bp.blogspot.com/-Bnler3E8kIo/VUiMRFeGG6I/AAAAAAAAIgo/b9uQ3rP0S9o/s1600/mapasantiagoIX.jpg
As obras reanúdanse uns seis anos despois en 1094, e faise cargo delas o chamado mestre Esteban que incorpora modelos da catedral de Jaca. A influencia e conexión de artistas e canteiros ao longo de todo o camiño de Santiago francés estará sempre presente na construción da basílica, como veremos. Nesta nova etapa constructiva será fundamental a intervención a partir do 1101 do novo bispo compostelán: Diego Xelmirez. As obras aceléranse e supoñen un plantexamento constructivo máis ambicioso, en consonancia coa política de Xelmirez, que consigue para Santiago converterse en Arquidiócese, e para el, ser arcebispo ata 1140, en que morre. O mestre Esteban abandona as obras e sabemos que xa está traballando na catedral de Pamplona dende 1101. 

En 1105 Xelmírez consagra os altares das capelas da xirola e o novo altar da capela maior, no que a tumba quedaba situada nunha especie de sancta santorum, por debaixo do altar maior, non visitable polos peregrinos directamente e protexida por unha reixa. Isto cambiará cando se produza a consagración da basílica en 1211 e se coloque tralo altar maior, en lugar elevado, unha monumental estatua de Santiago en pedra policromada que aínda existe hoxe nese lugar (a famosa aperta ao santo) con engadidos barrocos. Segundo Manuel Castiñeiras (ver o catálogo da exposición Maestro Mateo que se fixo no museo do Prado e estará no Pazo de Xelmírez de Santiago ata o 23 de febreiro de 2018 -visita obrigada-) esta especie de santuario abriríase de xeito regulado aos peregrinos.



                                            http://consellodacultura.gal/Images/2013Xelmirez_ManuelCastinnneiras_03.jpg                                                           Reconstrución dixital do altar maior da catedral en tempos de Xelmirez baixo o asesoramento de Manuel Castiñeiras. Abaixo a mesma reconstrución pero correspondente á colocación da estatua sedente de Santiago cando se consagra a catedral en 1211



 Posteriormente construiuse o transepto e as súas capelas, no que traballa o chamado mestre de Praterías, cúbrese tamén o cruceiro cun ciborio e avánzase nas obras da tribuna ou galería que percorrerá toda a planta da catedral de Santiago, seguindo as pautas doutras igrexas de peregrinación francesas como s. Sernin de Toulousse ou sta Fe de Conques.

Con permiso de Xosé Luís Alonso compartimos unhas magníficas fotografías que fixo recentemente en Toulousse e Conques. As basílicas de Santiago, s Sernin e sta Fe responden ao modelo de igrexas de peregrinación que gardan reliquias de santos e que se difundiu a través do Camiño de Santiago Francés. Teñen as tres planta basilical de cruz latina, con xirola, nave central e laterais (3 en Santiago e Conques, 5 en Toulousse), tribuna por riba das naves laterais, bóvedas de medio canón con arcos faixóns na nave central máis ancha, bóvedas de aresta, tamén con faixóns nas naves laterais... Poñeremos agora tres imaxes do espazo interior destas basílicas e seguro que teredes dificultades para diferenciar cal corresponde a Santiago. 

Arcos dobres peraltados (levantados), bóveda de medio canón con arco faixón na nave central e tribuna sobre a nave lateral







Corresponden as imaxes por esta orde a Conques, Santiago e Toulousse

 Tamén se constrúen nesta fase as dúas fachadas dos extremos do transepto. Dado que as igrexas cristiás orientan o altar cara o leste por motivos simbólicos, estas fachadas situadas no brazo menor da cruz latina da planta da catedral, serían a norte ou do Paraíso, e a sur ou de Praterías. A portada norte tamén era chamada Francíxena por seren por esta porta por onde entraban os peregrinos do Camiño francés, que entraban na cidade pola porta do Camiño, subían á praza do Campo ou Cervantes e baixaban pola acibechería ata esta porta norte da Catedral.  

                                         http://consellodacultura.gal/Images/2013Xelmirez_ManuelCastinnneiras_02.jpg                                                                                   Reconstrución virtual de como sería a porta Francíxena ou do Paraíso. O seu nome vén de que as esculturas que existen teñen temas relacionados coa creación do home, o pecado orixinal  e a expulsión do paraíso. Esta fachada sufriu un incendio no s. XVIII que motivou que fose substituída por unha nova, de estilo tardobarroco e neoclásico, que é a que vemos hoxe. Isto probablemente motivou o traslado de varias das esculturas para a portada sur ou de Praterías.        

Manuel Castiñeiras, discípulo de Serafín Moralejo, ten estudado e interpretado o programa iconográfico das  esculturas destas dúas portadas, así como os artistas que participaron. O Consello da Cultura Galega permite acceder on-line a este interesante artigo de Castiñeiras: Jaca, Toulouse, Conques y Roma: las huellas de los viajes de Diego Gelmírez en el arte románico compostelano.
Non deixedes de lelo. Nel relaciona as dúas viaxes que Xelmirez fai a Roma seguindo o camiño de Santiago á inversa e pasando por cidades como León, Burgos, Jaca, Toulousse, Conques ou  Módena, onde toma contacto coas obras das igrexas románicas que se están facendo e cos artistas que alí traballan, moitos dos cales veñen traballar a Compostela. Castiñeiras identifica traballando nas portadas norte e sur de Santiago aos seguintes seis artistas: o mestre da porta Francíxena, o mestre das columnas "entorchadas" (retortas), o mestre do Cordeiro, o mestre das Tentacións (que traballará en Conques), o mestre da Traición e o mestre da Transfiguración. Os catro primeiros traballarán na porta norte (pero despois por remodelacións na porta sur algunhas esculturas son trasladadas para aquí), os outros dous na porta sur. Destaca especialmente o mestre da porta Francíxena, que  Moralejo chamou o mestre de Praterías. A el se deben os relevos do rei David, a creación de Adán, muller do león... e a muller coa caveira. Moi recomendable a lectura deste artigo para coñecer novas interpretacións sobre o programa escultórico destas dúas portadas que simplificando representarían: a porta norte ou do Paraíso, o Antigo Testamento e os inicios da humanidade e caída no pecado; e a porta sur ou de Praterías, o Novo Testamento e a dobre natureza divina e humana de Cristo. Volveremos sobre estas esculturas noutra entrada deste blog. Volvamos ao avance das obras de construción da Catedral.

As obras na Catedral continúan impulsadas por Xelmirez e pese á rebelión do pobo de Santiago contra el e a raíña Urraca que chegou a prenderlle lume á basílica. En 1140 morre Xelmirez e as obras estaban sen rematar. Faltaba concluír o brazo maior da cruz e pechar a fachada occidental. Descoñecemos con total seguridade o que se atopa Mateo cando en 1168 se fai cargo das obras. Hai autores que din que xa existía feita unha fachada oeste que logo Mateo derrubaría. Non parece probable. Ademais avanzar na construción da nave principal tiña o problema do desnivel existente, para o que Mateo vai dar unha solución moi imaxinativa.

Crese por tanto que Mateo remata os últimos tramos do brazo maior da catedral, seguindo o patrón anterior en canto a medidas pero introducindo algún elemento decorativo propio. Traballa baixo o patrocinio do rei galego-astúr Fernando II ( o que lle concedeu a pensión vitalicia) e sucesivamente, dos bispos: Pedro Gudestéiz (existe un capitel na tribuna co seu nome), Pedro Suárez de Deza e Pedro Muñiz. O remate da portada occidental faise a través dunha estrutura en 3 niveis: Cripta ou catedral vella, Pórtico (solución moi francesa) e Tribuna. O programa arquitectónico e escultórico van estar intimamente unidos. Foi Serafín Moralejo o primeiro en demostrar esta unidade construtiva e iconográfica. Todo remite ao último libro da Biblia: a visión que tivo san Xoán evanxelista, apóstol de Cristo e irmán pequeno de Santiago, de como sería a fin do mundo, a cidade celestial ou Nova Xerusalem e o día do xuízo. Estamos falando do Apocalipse. As referencias a este no arco central do Pórtico son evidentes, pero o finado profesor Moralejo demostrou que tamén existían na cripta e na tribuna. Así a bóveda central da cripta ten dúas claves nas que dous anxos sosteñen un sol e unha lúa, e na clave da bóveda da tribuna aparece un año ou agnus dei. No Apocalipse de san Xoán, 23,  dise que: "Vin un ceo novo e unha terra nova, porque o primeiro ceo e a primeira terra desapareceran e vin a cidade santa, a nova Xerusalem, o seu brillo era semellante á pedra máis preciosa, tiña un muro grande e alto e doce portas. A cidade non precisa de sol nin de lúa que a iluminen, porque a gloria de Deus a ilumina e a súa luz é o cordeiro". A cripta representaría así o nivel terreal, iluminado polo sol e a lúa, e a tribuna que está por riba do Pórtico, a cidade celestial iluminada polo año de Deus, símbolo de Cristo.

Fases construtivas da Catedral


Claves das bóvedas da cripta con anxos astróforos, portando o sol e a lúa


Clave da bóveda da tribuna co Agnus Dei, o año de Deus, símbolo de Cristo e do seu sacrificio

En medio de Cripta e tribuna está o Pórtico da Gloria, chamado así porque aí se representa o Xuízo final, tal como se describe no Apocalipse de san Xoán:

"Tiven unha visión e vin unha porta aberta no ceo e un trono colocado en medio do ceo e, sobre o trono Un sentado. Arredor do trono vin outros vintecuatro tronos e sobre os tronos estaban sentados vintecatro anciáns, vestidos de vestiduras brancas e con coroas de ouro sobre as súas cabezas. Diante do trono había catro vivientes, o primeiro viviente era semellante a un león, o segundo a un touro, o terceiro a un home e o cuarto a un águia voadora. Despois disto mirei e vin unha muchedumbre grande que ninguén podía contar, de toda nación, tribu, pobo e lingua, que estaba diante do cordeiro, vestidos de túnicas brancas, clamaban con grande voz dicindo: ¡saúde ao noso Deus¡, tomou a palabra un dos anciáns e díxome: estos son os que veñen da gran tribulación e lavaron as súas túnicas e blanqueáronas no sangue do cordeiro. Vin sete anxos que estaban en pé diante de Deus, aos cales foron dadas sete trompetas e dispuxéronse a tocarlas (...)"

Seguro que sodes capaces de localizar estas escenas nesta biblia en pedra que é o Pórtico da Gloria :

http://porticodelagloria.com/lectura-del-portico_files/gallery-2.jpg

Das esculturas do Pórtico falaremos con máis detalle noutra entrada. Rematado este - segundo a inscrición que aparece nos seus dinteis, en 1188, pero as obras deberon continuar algúns anos máis- prodúcese a consagración da Catedral. Isto ten lugar en 1211, nesa cerimonia participou o rei de Galicia e León, Afonso VIII (ou IX seguindo a numeración castelá), que está soterrado no Panteón Real da Catedral de Santiago (hoxe Capela das reliquias), xunto ao seu pai Fernando II. 

Cando se produce a morte de Afonso VII, nacido e criado en Galicia, chamado o emperador pola sumisión vasalática que lle fixeran os demais monarcas da península, o reino divídese entre o seu fillo Fernando, rei de Galicia e León, e Sancho, rei de Castela. Deste xeito Fernando II e o seu descendente Afonso VIII (ou IX) dan unha gran importancia á Catedral de Santiago, a capital relixiosa do seu reino (en contraposición a Toledo para os castelás) e de aí o interese por promover as obras da basílica e por convertila no seu panteón real. Posteriormente á morte de Afonso as coroas de Galicia, León e Castela,  volven  xuntarse no rei Fernando III chamado o Santo.

Reconstrución virtul hipotética da catedral ao remate das obras
http://www.realacademiabellasartessanfernando.com/assets/images/cursos/66.jpg

                                            http://www.archicompostela.es/wp-content/uploads/2015/10/catedral_romanica.png                                                                                           A fachada occidental deseñada por Mateo.                                                                     Pódese ver a porta de acceso á cripta. A cripta permitía salvar o desnivel que existe hoxe (e existía entón), entre as naves da basílica e o nivel da praza do Obradoiro. Descoñécese con seguridade se o acceso ao Pórtico facíase só a través do interior da cripta (existe aínda hoxe unha escaleira) ou por unha escalinata exterior. A actual foi construída posteriormente. Tamén se pode ver como o Pórtico estaba protexido por unha estrutura (seguindo modelos franceses) pero ao mesmo tempo aberto ao exterior, neste momento non existían portas. A basílica estaba permanentemente aberta, tal como se di no Códice Calixtino. Por ese motivo no s. XVI decidiuse colocar unhas portas e deste xeito houbo que remodelar a fachada de Mateo por vez primeira, eliminando as esculturas dese "pórtico exterior" das que falaremos. A segunda e máis completa faríaa Fernando Casas no s. XVIII que é a conservada actualmente.



O mestre Mateo fai a súa obra na segunda metade do s. XII, cando xa o estilo románico empeza a quedar obsoleto e empeza a alborexar un novo estilo: o gótico. Mateo coñece de xeito moi temperá estes cambios e isto vese na nova basílica. Usa bóvedas de crucería en cripta, pórtico e tribuna como as que empezaban a usarse nos primeiros centros artísticos do gótico francés: en Borgoña e París. Tamén na escultura vense estas novidades, un novo espírito, máis naturalista, as anima. Isto confima que Santiago é neste momento un dos centros artísticos de vangarda de Europa.

Bóvedas de crucería de cripta, pórtico e tribuna. Montaxe: M. Iglesias
As bóvedas de crucería supoñen un adianto construtivo. Concentran o peso da bóveda nesa especie de vigas de pedra que chamamos nervios que se cruzan nun punto central ou clave. Eses elementos aguantan o peso do teito e permiten gañar máis altura. Por iso empregan un novo tipo de arco: o apuntado ou oxival, máis alto e que permite a entrada de máis luz. Baseándose na teoría de san Agustín da beleza que a identifica coa luz e o simbolismo relacionado coa divindade que esta tén: é inmaterial e omnipresente, os arquitectos do gótico francés, empezando polo abade de Saint Denis en París empezan a usalas. Mateo está ao tanto destas innovacións, e el tamén buscaba máis altura e luz para a súa obra, por motivos construtivos e simbólicos.

                                                  http://archeopolis.blogspot.com.es/p/santiago-de-compostela_82.html                                                                          Reconstrución virtual de Santiago coa catedral románica (nº 14) rematada. Respecto á reconstrución do s. X vese como o perímetro da cidade aumentou, hai unha nova muralla máis grande e na que se abren numerosas portas. A nº 1, corresponde á Porta do Camiño, por onde entraban na cidade os peregrinos do Camiño francés, o que viña dende Labacolla, Arzúa, Melide... O nº 4 corresponde á chamada Porta da Trindade, é a que se atopa máis cerca da fachada oeste da Catedral. A nº 5 corresponde á actual Porta Faxeira, xa non hai porta, pero quedou o nome. De aquí partía o camiño sur que levaba a Padrón e Pontevedra. O nº 6 corresponde á Porta de Mazarelos, esta é a única que se conserva en pé hoxe. De aquí partía o camiño cara Lalín e Ourense e polo visto era por onde entraba na cidade o viño do Ribeiro. O nº 17 corresponde á rúa do francés, ou do Franco, polas numerosas tendas e tabernas que tiñan os franceses aquí asentados. O nº 18 á rúa do Vilar e o 19 probablemente á rúa Nova, que se abriu máis tarde, de aí o seu nome.


Se tés tempo non deixes de ver este video da páxina do Museo do Prado onde tiveron lugar varias conferencias sobre o Pórtico da Gloria e a Catedral de Santiago co gallo da exposición sobre o Mestre Mateo que alí estivo e que hoxe está no Pazo de Xelmirez de Santiago (ata o 23 de febreiro).





sábado, 30 de diciembre de 2017

QUEN FOI O MESTRE MATEO?

http://patrimoniocultural11.wikispaces.com/file/view/santocroques.jpg/220029334/santocroques.jpg

Aos pés do Pórtico da Gloria autorretrátase Mateo


Pouco sabemos deste xenio da escultura. Naceu en Galicia? en Santiago? ou en Francia?. Na cultura teocéntrica da Idade Media o individuo non ten moita importancia. Os artistas son considerados artesáns, traballan coas súas mans e polo tanto pertencen ao estamento de menos prestixio, os laboratores, sometidos a traballos e impostos. Fan o que se lles pide,  pouco sabemos da vida destes artistas, ás veces nin o seu nome: o escultor que traballou na portada sur da catedral, a de praterías, coñecémolo como o mestre de praterías. Como moito coñecemos o nome dalgúns, como Mateo.

Pero  moi excepcional debía ser este home para que o rei Fernando II asine un documento no ano 1168 no que concede ao magistri Matheo unha pensión de por vida de 100 marabedíes ao ano para que "redunde en melloría da obra de Santiago e da túa propia persoa". O documento consérvase no arquivo da Catedral de Santiago.

Pouco máis sabemos, non se conserva apenas documentación. Prado-Vilar afirma que debeu ser unha persoa de sólidos coñecementos, formada fóra da Península, quizais en París ou Chartres, dúas cidades que contaban con escolas catedralicias que tiñan contactos con Compostela. Sabemos por exemplo que o Arcebispo Pedro Suárez de Deza, formouse en París. E foi arcebispo de Santiago entre 1173 e 1206, é dicir na época na que se constrúe o Pórtico da Gloria. As influencias da arte francesa no Pórtico son indudables e teremos ocasión de sinalalas nas próximas entradas.

https://cdn.superstock.com/4409/Download/4409-105853.jpg
O Mestre Mateo retrátase o pé da súa obra, axeonllado e humilde, mirando cara o altar da basílica e o santo apóstolo. Suxeita cunha man unha filacteria na que xa non é posible ver a inscrición pero que por tradición se di que levaba escrito Architectus. Coa outra man toca o peito, o corazón?. Francisco Prado-Vilar interpreta así estes elementos en clave simbólica: a man que executa a obra conéctase co corazón, que na época medieval se relaciona co intelecto (a memoria, a inventio e a phantasia). A figura viste unha túnica e os cabelos resólvense en múltiples rizos, como os que adornan moitas das esculturas do Pórtico e que son un elemento identificatorio das obras do mestre Mateo.

Todo cambiou na escultura galega dende o Mestre Mateo. E durante varios centos de anos non houbo escultura feita en Galicia que non se vise influída pola obra deste xenial artista. Ata chegar a Asorey.