martes, 16 de agosto de 2016

FRANCISCO PAZOS GAÑA O III CERTAME DE ESCULTURA FRANCISCO ASOREY

O escultor de Meaño, Francisco Pazos Martínez, gañou na súa terceira edición o certame de escultura Francisco Asorey cunha estupenda peza en pedra intitulada: "Menhir con buxardos". Merecido. Parabéns.



Manolo Busto e eu tivemos a ocasión de visitar recentemente o seu estudo e iso e o feito anterior, anímame a escribir unhas liñas sobre a súa obra.

O estudo de Pazos atópase nunca "casafincahortaobradoiroexposiciónpermanente". A casa é a típica casa nova da Arousa feita en granito porriñés e que cando a ves, supós que é a vivenda do artista, pero non, é o continente pétreo para a exposición permanente das súas obras en madeira, as que non pode expoñer no xardín. Un xardínhortaobradoiro de lindes imprecisos onde conviven frutais, berzas e chícharos con esculturas de guerreiros de gran tamaño, torres, menhires, cruceiros, esculturas de ferro... e ata un bosque de pedra.

No xardínhortaobradoiro hai unha fonte que ten unha inscrición latina: "quod videtur non est" algo así como que "o que ves non é". Frase moi acaída para o que se adentra alí porque vai ver macizos que son ocos, unidades feitas con fragmentos, formas e cores, metal e madeira, frío e calor... e mesturas, moitas mesturas; mestizaxes de materiais que atopamos tamén na paisaxe humanizada galega, onde conviven uralitas, cantería, bloques de formigón, ladrillos ou somieres de ferro como cancelas. Pero Pazos é un artista e as súas mesturas teñen unidade e harmonía.

Como achegarse á obra de Pazos? Aquí poden estar algunhas das súas claves (na miña opinión):

- OFICIO. Pazos é fillo dun carpinteiro e estuda escultura na escola de canteiros de Poio (da que saíron moitos artistas galegos) e por todo iso coñece moi ben o seu oficio, requisito imprescindible para dominar os materiais, por certo, calquer material: pedra, madeira, aluminio, formigón, aceiro cortén... ou facer por exemplo:

- MOBLES QUE SON ESCULTURAS ou ESCULTURAS QUE SON MOBLES



- MESTIZAXE DE MATERIAIS

Como unir un cacho do aro de formigón dun pozo, con madeira e cemento e obter unha peza fermosa? Como usar madeiras-refugallo de encofrados de obras, con ladrillo e cemento e crear un xogo integrado de cores, formas e texturas que ademais forman unha cadeira?




Pódese xuntar madeira e formigón? madeira e pedra? pedra e aluminio? frío e calor, natureza e civilización xuntas e que non haxa disonancias? a resposta en tódolos casos é si. As mans de Pazos todo o integran.




- FRAGMENTOS




Quizais Pazos descubriu que a vida non é un discurso liñal senón feito a cachos, como o descubriu tamén a literatura do s. XX que conta a realidade en relatos curtos. A Pazos gústanlle os fragmentos, e unilos todos, pero deixando que se vexan as fendas, as costuras, como nos monecos cosidos por Louise Bourgeois. As costuras son como feridas que a agulla repara (di Bourgueois). O Kintsugi é a arte xaponesa que reconstrúe  a cerámica rota con metais nobres como o ouro. "Forma parte de una filosofía que plantea que las roturas y reparaciones forman parte de la historia de un objeto y deben mostrarse en lugar de ocultarse"  segundo a Wikipedia . A cerámica así reparada mostra as feridas dos objectos que nas esculturas de Pazos quizais son metáforas das feridas da vida.

Kintsugi


- TORRES-MENHIRES-CRUCEIROS. Por que se obsesiona o ser humano polo vertical?

Símbolo de poder, riqueza, conexión ceo-terra?


No pobo italiano de San Gimignano existían na idade media 72 torres, pertencentes cada unha a familias adiñeiradas que competían entre si pola altura destas. Consérvanse en pé unhas 15


Juan Eduardo Cirlot escribe no seu Diccionario de símbolos sobre a torre:

" En la Edad Media, torres y campanarios podían servir como atalayas, pero tenían significado de escala entre la tierra y el cielo, por simple aplicación del simbolismo del nivel para el cual altura material equivale a elevación espiritual. (...) Como la idea de elevación, antes mencionada, implica la de transformación y evolución, el atanor u horno de los alquimistas tenía la simbólica forma de una torre, para expresar -inversamente- que la metamorfosis de la materia implicaba un sentido ascensional. (...) Finalmente está la analogía hombre-torre. Así como el árbol se acerca a la figura humana más que los animales, que avanzan con el cuerpo horizontal, así la torre es la única forma de construcción que toma la vertical como definición. las ventanas del último piso, casi siempre grandes, corresponden a los ojos y el pensamiento. Por esta causa se refuerza el simbolismo de la Torre de Babel como empresa quimérica, que conduce al fracaso y al extravío mental"






- FORMA E COR

Os escultores traballan fundamentalmente co volume, a forma e o espazo, pero dende as orixes da escultura os artistas introduciron tamén a cor. O volume pertence ao ámbito tridimensional, a cor parece máis propia do ámbito bidimensional, pero dende moi pronto foi utilizada na escultura, normalmente para conseguir obras máis reais. En Exipto por exemplo as esculturas en madeira policromábanse para conseguir máis realismo, moitas delas eran para colocar na tumba dun morto e debían substituír ao difunto nas numerosas probas que tería que pasar con éxito ata chegar á outra vida. En Grecia as esculturas en mármore tamén se policromaban. Estamos acostumados a velas sen cor porque a maioría non son os orixinais gregos senón copias feitas polos romanos para colocalas nas súas domus, a maioría das esculturas orixinais perdéronse. Tamén a escultura románica galega en pedra é policromada. No Pórtico da Gloria aínda se poden ver restos desa pintura.



Hai escultores aos que lles interesou a cor (como Bernini) e outros aos que non (como Miguelanxo). Francisco Pazos pertence ao primeiro grupo. Hai escultores que recurrían a pintores para aplicar a cor, quizais porque eles non se sentían seguros. Recentemente vin unha escultura do escultor vasco Beovide que facía sobre todo esculturas relixiosas, pintada polo seu amigo Zuloaga. Beovide normalmente non daba cor ás súas esculturas, pola contra Asorey si pintaba personalmente as esculturas en madeira. Pazos domina ben as cores e o bidimensional. A cor é moi importante na súa obra. De feito ten obras que parecen cadros: esculturas que son cadros e cadros que son esculturas.



... e mobles que parecen cadros de Paul Klee



- LUZ

Tamén a luz é moi importante na escultura. Esvara pola superficie se está moi puída, agárrase a ela se non o está. Pazos non gosta de volumes moi macizos, nas súas torres sempre se abren fiestras que crean claroscuros.


- FIESTRAS

A Pazos gústanlle as fiestras que se abren cara adentro da obra , que a min lémbranme a miña infancia e as casiñas de monecas coas que xoguei...


...ou cara a fóra da escultura, cara o ceo inmenso

 Escultura situada no Paseo marítimo da Coruña

- RECICLAXE




Menina. Ladrillos pintados

Volta a orixe. Madeira e revistas. O papel volve á árbore no que naceu




- GUERREIROS e guerreiriños

No Extremo Oriente, atopouse a tumba dun emperador na que existían enterradas milleiros de estatuas en terracota (barro cocido) representando aos soldados do emperador



 Guerreiros de Xian, China, en terracota

Nas antípodas, no "Extremo Occidente", dentro da cultura castrexa, en Galicia e Portugal,  se fixeron numerosas esculturas de guerreiros. Pazos recolle esta tradición.



 Bosquexos en barro, no taller

Pero os guerreiros de Pazos non van á guerra. E ás veces en vez dun guerreiro saelle un gaiteiro


Curiosamente a Unión Europea organizou unha exposición de homenaxe a China con obras de artistas europeos (27 en total, un por cada país) que percorreu durante dous anos diferentes cidades chinesas. As obras deberían estar inspiradas nos guerreiros do emperador Qin. Agora mesmo está percorrendo cidades europeas. Entre os artistas seleccionados estaba Francisco Pazos e un dos seus guerreiros, tiña que ser.

Poderiamos seguir falando de obras súas. É un escultor prolífico, deixo que cada un explore os camiños que abre o escultor. Dicir para rematar que o escultor de Meaño é un home sinxelo, tranquilo, de trato afable... como moitos galegos. E a súa obra reflicte iso. Unha obra amable, sinxela e profunda a un tempo, accesible, sen afectación, que se deixa ler doadamente pero que agocha moita sabiduría.



Parabéns de novo Paco!!

Todas as fotos de esculturas de Francisco Pazos colléronse da súa páxina en facebook e da súa páxina web