miércoles, 13 de abril de 2016

A AMIZADE DE ASOREY E CAMILO DÍAZ BALIÑO

Unha das moitas satisfaccións que me dou investigar sobre a vida e obra de Asorey foi a de coñecer a Isaac Díaz Pardo antes de morrer. El faloume da estreita relación que tiveron Asorey e seu pai e facilitoume varios materiais e testemuñas que o confirmaban.

Carta manuscrita de Isaac Díaz Pardo

Nesa carta que me escribiu coa súa característica caligrafía comenta:

"(...)Coido que a amistade entre Asorey e meu pai era importante. A "Picariña", hoxe no Museo Carlos Maside a recordo sempre na miña casa. E hai fotografía do despacho de meu pai onde está a peza. No Museo hai algunha peza máis da mesma procedencia. No ano 1930 vivíamos no número 20 da Rúa das Hortas en Santiago e cruzáronse varias cousas: o editor Anxel Casal necesitaba insatalarse con certa presa en Santiago. Era un amigo e correligionario de el dende as Hirmandades da fala. Meu pai tiña que irse a América co coro de Ruada. O casal das Hortas axustábase moi ben pra o que necesitaba Casal: taller na planta baixa, vivenda e administración nos pisos altos (véxase que a maior cantidade de libros da Editorial Nós están feitos en Hortas, 20). Meu pai deixoulle a casa a Casal. Miña nai e mais nós, dous fillos fumos vivir a unha casiña pequena en Carretas, e os muebles e elemento foron gardados nun rincón do taller que tiña Asorey no calexón de Caramoniña (Ruela das Cachamuñas). Coido que o afecto de meu pai por Asorey foi importante (...)"

Foto de Camilo Díaz no seu despacho coa Picariña detrás
 Telegrama que lle envía Asorey a Camilo para comunicarlle que consigue a 1ª medalla da Exposición Nacional de Madrid de 1926 (Isaac indica 1923 pero non pode ser posible)


 Foto dedicada, escribe a man: "A mi buen amigo Camilo" e asina Francisco Asorey

É frecuente entre artistas o intercambio de obras, así como Asorey lle regala a Camilo a escaiola de Picariña, conserva a familia Asorey un debuxo de Díaz Baliño. Como dato quizais pouco coñecido dicir que Camilo Díaz estaba afiliado á masonería, así  como moitos outros personaxes da cultura galega daquela época como Isidoro Millán Mariño, Víctor Saíd Armesto, Manuel Portela Valladares, Luís Seoane, Vicente Varela Radío, Elpidio Villaverde, Antonio Baltar etc (véxase Carlos Pereira, A Galicia Heterodoxa, ed. Espiral Maior, 2010). O debuxo de Díaz Baliño, do que falamos, ten unha clara simboloxía masónica. Porén non temos dato ningún que relacione a Asorey coa masonería, as súas fortes conviccións relixosas quizais eran incompatibles coa pertenza a esta organización.