martes, 1 de noviembre de 2016

MONUMENTO AO AVIADOR LORIGA, LALÍN

Este video que colgou no facebook a miña amiga Mª Carmen Aparicio levoume a escribir algo sobre o monumento de Asorey:


http://www.crtvg.es/informativos/lalin-2430513


O video fala sobre a vida deste aviador nacido en Prado, Lalín, morto traxicamente en 1933. De familia fidalga, os Taboada, Xaquín Loriga ten unha dobre conexión con Cambados: porque Asorey fixo o seu monumento e porque  parentes seus da familia Taboada residiron en Cambados, no Pazo que se chamou dos Taboada, ou máis tarde de Silva (pola familia do avogado cambadés que o mercou). Nos xardíns dese pazo tivo lugar a homenaxe que se fixo a Asorey en 1922. A horta e xardíns vendéronse e edificáronse e a casa consérvase moi modificada. A fachada dá á praza Ramón Cabanillas (alí estivo un tempo un supermercado Moldes).

Como se di no video os veciños de Loriga estaban xuntando cartos para mercarlle un avión, pero a morte deste levou a que decidiran utilizalos para facerlle un monumento. É un dos mellores que fixo Asorey, na miña opinión. Moi sinxelo e xeométrico como lle gustaba facer as súas esculturas. É unha cruz pero tamén un aeroplano caído que se crava no chan. Consigue así un efecto conmemorativo e funerario a un tempo.

Fotos: M. Iglesias


Tamén é moi simétrico, Asorey gosta da simetría, quizais por influenza da arte románica e do que escribiu Emile Mâle, (cuxos libros sobre arte medieval estaban case sempre abertos para consulta no seu obradoiro) de que a simetría "era considerada no medievo como a expresión sensible dunha armonía misteriosa". No centro, por suposto está a figura de Loriga, con traxe humilde de mecánico, coas mans xuntas sobre a hélice do seu avión. Mestura pedra e bronce: na cara, nunha man. Na outra, cuberta cunha luva, agarra un mapa. O monumento é simétrico, a figura tamén, e a hélice marca un eixe que divide en dúas partes a escultura na que unha perna se adianta, como en tantas outras obras que fixo. É o único elemento que rompe a quietude e parécese  as esculturas exipcias que se colocaban na tumba dos difuntos e que indicaban simbólicamente a entrada no "reino de poniente", o reino dos mortos. Asorey xoga sempre cos contrastes, co contrapunto, como nas obras musicais, pedra e bronce, pedra lisa (no fondo), con pregues na figura, traballada co cicel na hélice e na base. 



 
E máis abaixo do monumento figuras femininas alegóricas, da viaxe que lle dou fama: ESPAÑA-FILIPINAS. Tamén simétricas. E debaixo unha sinxela coroa en bronce metade de loureiro, a árbore grega da vitoria, e metade de follas de carballo, a nosa árbore mítica. 

Non se pode dicir máis con menos.

martes, 16 de agosto de 2016

FRANCISCO PAZOS GAÑA O III CERTAME DE ESCULTURA FRANCISCO ASOREY

O escultor de Meaño, Francisco Pazos Martínez, gañou na súa terceira edición o certame de escultura Francisco Asorey cunha estupenda peza en pedra intitulada: "Menhir con buxardos". Merecido. Parabéns.



Manolo Busto e eu tivemos a ocasión de visitar recentemente o seu estudo e iso e o feito anterior, anímame a escribir unhas liñas sobre a súa obra.

O estudo de Pazos atópase nunca "casafincahortaobradoiroexposiciónpermanente". A casa é a típica casa nova da Arousa feita en granito porriñés e que cando a ves, supós que é a vivenda do artista, pero non, é o continente pétreo para a exposición permanente das súas obras en madeira, as que non pode expoñer no xardín. Un xardínhortaobradoiro de lindes imprecisos onde conviven frutais, berzas e chícharos con esculturas de guerreiros de gran tamaño, torres, menhires, cruceiros, esculturas de ferro... e ata un bosque de pedra.

No xardínhortaobradoiro hai unha fonte que ten unha inscrición latina: "quod videtur non est" algo así como que "o que ves non é". Frase moi acaída para o que se adentra alí porque vai ver macizos que son ocos, unidades feitas con fragmentos, formas e cores, metal e madeira, frío e calor... e mesturas, moitas mesturas; mestizaxes de materiais que atopamos tamén na paisaxe humanizada galega, onde conviven uralitas, cantería, bloques de formigón, ladrillos ou somieres de ferro como cancelas. Pero Pazos é un artista e as súas mesturas teñen unidade e harmonía.

Como achegarse á obra de Pazos? Aquí poden estar algunhas das súas claves (na miña opinión):

- OFICIO. Pazos é fillo dun carpinteiro e estuda escultura na escola de canteiros de Poio (da que saíron moitos artistas galegos) e por todo iso coñece moi ben o seu oficio, requisito imprescindible para dominar os materiais, por certo, calquer material: pedra, madeira, aluminio, formigón, aceiro cortén... ou facer por exemplo:

- MOBLES QUE SON ESCULTURAS ou ESCULTURAS QUE SON MOBLES



- MESTIZAXE DE MATERIAIS

Como unir un cacho do aro de formigón dun pozo, con madeira e cemento e obter unha peza fermosa? Como usar madeiras-refugallo de encofrados de obras, con ladrillo e cemento e crear un xogo integrado de cores, formas e texturas que ademais forman unha cadeira?




Pódese xuntar madeira e formigón? madeira e pedra? pedra e aluminio? frío e calor, natureza e civilización xuntas e que non haxa disonancias? a resposta en tódolos casos é si. As mans de Pazos todo o integran.




- FRAGMENTOS




Quizais Pazos descubriu que a vida non é un discurso liñal senón feito a cachos, como o descubriu tamén a literatura do s. XX que conta a realidade en relatos curtos. A Pazos gústanlle os fragmentos, e unilos todos, pero deixando que se vexan as fendas, as costuras, como nos monecos cosidos por Louise Bourgeois. As costuras son como feridas que a agulla repara (di Bourgueois). O Kintsugi é a arte xaponesa que reconstrúe  a cerámica rota con metais nobres como o ouro. "Forma parte de una filosofía que plantea que las roturas y reparaciones forman parte de la historia de un objeto y deben mostrarse en lugar de ocultarse"  segundo a Wikipedia . A cerámica así reparada mostra as feridas dos objectos que nas esculturas de Pazos quizais son metáforas das feridas da vida.

Kintsugi


- TORRES-MENHIRES-CRUCEIROS. Por que se obsesiona o ser humano polo vertical?

Símbolo de poder, riqueza, conexión ceo-terra?


No pobo italiano de San Gimignano existían na idade media 72 torres, pertencentes cada unha a familias adiñeiradas que competían entre si pola altura destas. Consérvanse en pé unhas 15


Juan Eduardo Cirlot escribe no seu Diccionario de símbolos sobre a torre:

" En la Edad Media, torres y campanarios podían servir como atalayas, pero tenían significado de escala entre la tierra y el cielo, por simple aplicación del simbolismo del nivel para el cual altura material equivale a elevación espiritual. (...) Como la idea de elevación, antes mencionada, implica la de transformación y evolución, el atanor u horno de los alquimistas tenía la simbólica forma de una torre, para expresar -inversamente- que la metamorfosis de la materia implicaba un sentido ascensional. (...) Finalmente está la analogía hombre-torre. Así como el árbol se acerca a la figura humana más que los animales, que avanzan con el cuerpo horizontal, así la torre es la única forma de construcción que toma la vertical como definición. las ventanas del último piso, casi siempre grandes, corresponden a los ojos y el pensamiento. Por esta causa se refuerza el simbolismo de la Torre de Babel como empresa quimérica, que conduce al fracaso y al extravío mental"






- FORMA E COR

Os escultores traballan fundamentalmente co volume, a forma e o espazo, pero dende as orixes da escultura os artistas introduciron tamén a cor. O volume pertence ao ámbito tridimensional, a cor parece máis propia do ámbito bidimensional, pero dende moi pronto foi utilizada na escultura, normalmente para conseguir obras máis reais. En Exipto por exemplo as esculturas en madeira policromábanse para conseguir máis realismo, moitas delas eran para colocar na tumba dun morto e debían substituír ao difunto nas numerosas probas que tería que pasar con éxito ata chegar á outra vida. En Grecia as esculturas en mármore tamén se policromaban. Estamos acostumados a velas sen cor porque a maioría non son os orixinais gregos senón copias feitas polos romanos para colocalas nas súas domus, a maioría das esculturas orixinais perdéronse. Tamén a escultura románica galega en pedra é policromada. No Pórtico da Gloria aínda se poden ver restos desa pintura.



Hai escultores aos que lles interesou a cor (como Bernini) e outros aos que non (como Miguelanxo). Francisco Pazos pertence ao primeiro grupo. Hai escultores que recurrían a pintores para aplicar a cor, quizais porque eles non se sentían seguros. Recentemente vin unha escultura do escultor vasco Beovide que facía sobre todo esculturas relixiosas, pintada polo seu amigo Zuloaga. Beovide normalmente non daba cor ás súas esculturas, pola contra Asorey si pintaba personalmente as esculturas en madeira. Pazos domina ben as cores e o bidimensional. A cor é moi importante na súa obra. De feito ten obras que parecen cadros: esculturas que son cadros e cadros que son esculturas.



... e mobles que parecen cadros de Paul Klee



- LUZ

Tamén a luz é moi importante na escultura. Esvara pola superficie se está moi puída, agárrase a ela se non o está. Pazos non gosta de volumes moi macizos, nas súas torres sempre se abren fiestras que crean claroscuros.


- FIESTRAS

A Pazos gústanlle as fiestras que se abren cara adentro da obra , que a min lémbranme a miña infancia e as casiñas de monecas coas que xoguei...


...ou cara a fóra da escultura, cara o ceo inmenso

 Escultura situada no Paseo marítimo da Coruña

- RECICLAXE




Menina. Ladrillos pintados

Volta a orixe. Madeira e revistas. O papel volve á árbore no que naceu




- GUERREIROS e guerreiriños

No Extremo Oriente, atopouse a tumba dun emperador na que existían enterradas milleiros de estatuas en terracota (barro cocido) representando aos soldados do emperador



 Guerreiros de Xian, China, en terracota

Nas antípodas, no "Extremo Occidente", dentro da cultura castrexa, en Galicia e Portugal,  se fixeron numerosas esculturas de guerreiros. Pazos recolle esta tradición.



 Bosquexos en barro, no taller

Pero os guerreiros de Pazos non van á guerra. E ás veces en vez dun guerreiro saelle un gaiteiro


Curiosamente a Unión Europea organizou unha exposición de homenaxe a China con obras de artistas europeos (27 en total, un por cada país) que percorreu durante dous anos diferentes cidades chinesas. As obras deberían estar inspiradas nos guerreiros do emperador Qin. Agora mesmo está percorrendo cidades europeas. Entre os artistas seleccionados estaba Francisco Pazos e un dos seus guerreiros, tiña que ser.

Poderiamos seguir falando de obras súas. É un escultor prolífico, deixo que cada un explore os camiños que abre o escultor. Dicir para rematar que o escultor de Meaño é un home sinxelo, tranquilo, de trato afable... como moitos galegos. E a súa obra reflicte iso. Unha obra amable, sinxela e profunda a un tempo, accesible, sen afectación, que se deixa ler doadamente pero que agocha moita sabiduría.



Parabéns de novo Paco!!

Todas as fotos de esculturas de Francisco Pazos colléronse da súa páxina en facebook e da súa páxina web


miércoles, 13 de abril de 2016

A AMIZADE DE ASOREY E CAMILO DÍAZ BALIÑO

Unha das moitas satisfaccións que me dou investigar sobre a vida e obra de Asorey foi a de coñecer a Isaac Díaz Pardo antes de morrer. El faloume da estreita relación que tiveron Asorey e seu pai e facilitoume varios materiais e testemuñas que o confirmaban.

Carta manuscrita de Isaac Díaz Pardo

Nesa carta que me escribiu coa súa característica caligrafía comenta:

"(...)Coido que a amistade entre Asorey e meu pai era importante. A "Picariña", hoxe no Museo Carlos Maside a recordo sempre na miña casa. E hai fotografía do despacho de meu pai onde está a peza. No Museo hai algunha peza máis da mesma procedencia. No ano 1930 vivíamos no número 20 da Rúa das Hortas en Santiago e cruzáronse varias cousas: o editor Anxel Casal necesitaba insatalarse con certa presa en Santiago. Era un amigo e correligionario de el dende as Hirmandades da fala. Meu pai tiña que irse a América co coro de Ruada. O casal das Hortas axustábase moi ben pra o que necesitaba Casal: taller na planta baixa, vivenda e administración nos pisos altos (véxase que a maior cantidade de libros da Editorial Nós están feitos en Hortas, 20). Meu pai deixoulle a casa a Casal. Miña nai e mais nós, dous fillos fumos vivir a unha casiña pequena en Carretas, e os muebles e elemento foron gardados nun rincón do taller que tiña Asorey no calexón de Caramoniña (Ruela das Cachamuñas). Coido que o afecto de meu pai por Asorey foi importante (...)"

Foto de Camilo Díaz no seu despacho coa Picariña detrás
 Telegrama que lle envía Asorey a Camilo para comunicarlle que consigue a 1ª medalla da Exposición Nacional de Madrid de 1926 (Isaac indica 1923 pero non pode ser posible)


 Foto dedicada, escribe a man: "A mi buen amigo Camilo" e asina Francisco Asorey

É frecuente entre artistas o intercambio de obras, así como Asorey lle regala a Camilo a escaiola de Picariña, conserva a familia Asorey un debuxo de Díaz Baliño. Como dato quizais pouco coñecido dicir que Camilo Díaz estaba afiliado á masonería, así  como moitos outros personaxes da cultura galega daquela época como Isidoro Millán Mariño, Víctor Saíd Armesto, Manuel Portela Valladares, Luís Seoane, Vicente Varela Radío, Elpidio Villaverde, Antonio Baltar etc (véxase Carlos Pereira, A Galicia Heterodoxa, ed. Espiral Maior, 2010). O debuxo de Díaz Baliño, do que falamos, ten unha clara simboloxía masónica. Porén non temos dato ningún que relacione a Asorey coa masonería, as súas fortes conviccións relixosas quizais eran incompatibles coa pertenza a esta organización.

jueves, 7 de abril de 2016

EMPEZAMOS DE NOVO


En xullo de 2010 empecei a publicar un blog sobre a figura de Francisco Asorey, daquela non había casi nada sobre o autor na rede. Tres anos despois pechei o blog. Hoxe decidínme a reabrilo de novo. Será un blog de escultura en xeral. Porén esta primeira entrada desta nova etapa irá dedicada a Asorey.


UNHA PLACA DE BRONCE EN VILAGARCÍA DE AROUSA

Un artigo de prensa púxome sobre a pista da existencia dunha placa ou lápida en bronce nunha praza de Vilagarcía que podía ser de Asorey.


Francisco Asorey, lápida dedicada a Martín Gómez Abal, bronce, Vilagarcía de Arousa, 1926. Fotos: Maribel Iglesias

O xornal El Pueblo Gallego do 19-10-1926, pax. 12 escribe: EL HOMENAJE DEL DOMINGO:

"El descubrimeinto de la placa de bronce, obra de Asorey, que da desde el domingo el nombre de don Martín Gómez Abal, a una de las calles de Vilagarcía, constituyó un acto muy solemne, en el que participaron los ex-alumnos del viejo maestro, las autoridades y numeroso público.
En dicho acto pronunciaron elocuentes discursos don Ramón García Lago y don Antonio S. Caamaño, ex-alumnos del señor Gómez Abal; leyendo unas cuartillas el director del Colegio León XIII señor Núñez Bua. Cerró los discursos el alcalde don Enrique B. Lafuente que fué muy aplaudido.
D. Martín Gómez Abal, que asistió al acto, desde una tribuna levantada al efecto, pronunció emocionado breves palabras de agradecimiento, siendo objeto de una cariñosa manifestación de simpatía. Seguidamente se celebró en el Nuevo Club un banquete en honor del señor Gómez Abal, que se vió muy concurrido. La bella señorita Argentina Villaverde ofreció este homenaje siendo muy aplaudida. La banda municipal amenizó estos actos, con que los ex-alumnos del director del antigua Colegio de S. Agustín, le testimoniaron su reconocimiento por su labor pedagógica".

Como se pode ler no artigo anterior, Martín Gómez Abal foi mestre no Colexio de S. Agustín de Vilagarcía de Arousa e os seus ex-alumnos deciden facerlle unha homenaxe e como recordo do vello mestre colocar unha placa que encargan a Asorey. Na placa figura claramente: MARTÍN GÓMEZ ABAL, HOMENAJE DE SUS EX-ALUMNOS. Non está datada nin asinada pero a crónica do xornal e o estilo desta remiten claramente á man de Asorey.


O xornal vilagarcián Galicia Nueva, fala varios días da homenaxe que se vai facer. Así no xornal do día 14-10-1926 fálase da placa de Asorey e coméntase que "estuvo ayer [Asorey] en esta ciudad para dirigir la fundición de la misma que se llevó a cabo en los acreditados talleres del señor Alemparte". A homenaxe ao mestre ten lugar o domingo 18 de outubro de 1926. No acto de descubrimento da placa falan varios oradores. D. Rosendo Barreiro (ex-alumno) di:

"En la placa que el artista cinceló para perpetuar este acto hay figuras que son como el símbolo de la representación que ostento; vi un árbol cuya sabia se nutre de el libro de la ciencia y me sugirió la idea de que éramos nosotros los últimos frutos de aquel árbol; vi un sol del que nosotros habíamos percibido sus últimos destellos, pero hay un joven que ostenta en su mano una corona de gratitud y nosotros no podíamos dejar de estar representados en este joven, por eso estoy aquí. Pero para mi no serían suficientes las palabras si supiera manejar el buril, si supiera plasmar en materia mis ideas, modelar una matrona que simbolizase la voluntad sosteniendo la figura del maestro, porque de sus virtudes fue esta la predominante". Galicia Nueva, 19-10-1926, pax. 3

Na páx. 4 dese mesmo xornal, aparece o título: LA LÁPIDA

"Es una obra de gran valor artístico como corresponde al artista que la avalora con su firma. Paco Asorey, el artista laureado, el escultor consagrado poco ha una primera medalla en la exposición nacional de bellas artes, supo interpretar el sentimiento de los ex-alumnos de don Martín, y en un pedazo de bronce plasmó en preciosa alegoría sus deseos. Sus lineas severas, su conjunto armonioso, toda ella denuncian el buril experto del maestro. En el centro presenta al sol ocultándose tras el mar y besando con sus resplandores la copa de un añoso árbol que asienta sus raíces en el libro de la ciencia; a la izquierda, un joven con el brazo extendido sosteniendo una corona de laurel y en la parte baja se lee la inscripción siguiente: "D. Martín Gómez Abal. Homenaje de sus ex-alumnos"

Rosendo Barreiro e o xornalista que fai este último apartado da lápida coinciden en ver unha árbore unida ao libro da ciencia. A "árbore" ten dous troncos e un elemento en horizontal ao que non se fai mención. Os troncos da árbore tampouco parecen estar unidos ao libro. Fálase tamén dunha coroa que sostén un xoven, que non é tal coroa senón un ramallo, de loureiro? ou de oliveira?. As interpretacións anteriores coinciden en explicar a imaxe como unha árbore que asenta as raíces no libro da ciencia. O noso amigo, o historiador e restaurador, Sindo Mosteiro (ver comentario inferior á entrada)  tamén vai nesa liña:

 "En canto ao significado simbólico dos elementos que compoñen a placa, eu diría que é unha alegoría da Educación e o Coñecemento, xa que se pode ver un emblema habitualmente utilizado en institucións educativas como é a árbore nacendo dun libro. A presencia do sol nacente é tamén habitual neste tipo de emblemas en relación con institucións educativas e investigadoras. Noutras ocasións tamén aparece Minerva como protectora da Sabedoría. O libro está aberto e por tanto ofrece o seu contido a quen o escruta e nel afunde as súas raíces a árbore que neste caso ten a peculiaridade de ser de dobre torada, polo que o significado se fai máis complexo. Entendo que aquí se fai referencia á existencia no Edén da árbore do coñecemento do ben e do mal, que era dobre, xunto coa árbore da vida. Esta árbore do Coñecemento aquí extrae do libro a súa materia que porta por medio dos toros cara as ponlas onde o deita en forma de follas e froitos."

O Diccionario de símbolos de J.E Cirlot explica o simbolismo da duplicación da árbore: "en el paraíso había el árbol de la vida, y también el del bien y del mal, o del conocimiento, y ambos estaban en el centro del paraíso (...) La transmutación del árbol, al ser afectado por el simbolismo del número dos, se refiere al paralelismo de ser y conocer (árbol de la vida y árbol de la ciencia)".

Sin rexeitar esas interpretacións anteriores, que parecen as máis axeitadas para unha placa en honra dun mestre, entra dentro do posible que o autor xogue con imaxes ambiguas.Como explicar o elemento horizontal que atravesa o dobre tronco? Pudera ser un dólmen?. Tampouco debe ser casual que o autor elixa un carballo. As follas de carballo son un motivo recurrente na súa obra que seguramente utiliza cunha función simbólica: o carballo é a árbore de Galicia. Estamos en 1926, Asorey gaña ese ano unha medalla de primeira clase na Exposición Nacional de Bellas Artes de Madrid, coa súa obra o S. Francisco, que ten detrás un tronco de carballo. E presenta tamén "A Santa" (na que aparecen tamén follas de carballo sobre o xugo). Tamén nese ano ingresa no Seminario de Estudos Galegos, institución na que estaba a maior parte (senón todos) os intelectuais galegos da órbita nacionalista. Xunto a Asorey ingresa o seu amigo o artista modernista, Camilo Díaz Baliño. E na miña opinión o motivo do sol e o dólmen inspíranse nunha obra do seu amigo. Estamos en 1926, a amizade entre os dous artistas é estreita, é unha casualidade que apareza un dólmen e un sol detrás?. Non me parece que Asorey faga as cousas por casualidade, as súas obras están sempre moi pensadas... e cheas de símbolos. No ano de 1927 inaugúrase en Vigo un Monumento a García Barbón, emigrante galego en América que volve rico e fai numerosas doazóns á cidade. Pois ese monumento ten unha serie de elementos que admiten unha lectura relacionada coa industria e o comercio, pero tamén coa masonería, organización á que se afiliou en Cuba, José Manuel García Barbón.

Camilo Díaz Baliño, Fillos de Brigantia.
Este deseño servirá tamén para ilustrar os libros da editorial Lar que Leandro Carré e Ánxel Casal empezaron a publicar en 1924.

Capa da primeira obra publicada pola editorial Lar, vese a sinatura do autor na esquina inferior dereita.

Foto: http://1.bp.blogspot.com/-oc7UoIhIMCY/UirtbHJPOeI/AAAAAAAAByg/g9j5kwMIuaw/s1600/A+mi%C3%B1a+muller.jpg
A figura do dólmen ou trilito, símbolo do pasado de Galicia, relaciónase tamén no ámbito nacionalista co mundo céltico. Asorey volverá a usalo no seu Monumento a Curros.

Francisco Asorey, Monumento a Curros, pedra de gran, A Coruña, 1928-34. Foto: Maribel Iglesias.
Cal é a interpretación correcta? A crítica da arte non é unha ciencia exacta precisamente, probablemente non é nin sequera unha ciencia e unha mesma obra pode dar lugar a diferentes interpretacións. Ás veces canto maior é a calidade da obra máis complexo é o seu significado. E as grandes obras de arte admiten moitas interpretacións. Cal é a correcta? tería que vir o mesmo artista a dicilo. Sin saber certo a opinión do artista, estamos dando opinións. E iso non é malo, resulta interesante que debatamos en torno ao significado dunha obra, iso fai que a analizemos e reflexionemos sobre ela.




Aparecen tamén nos lados da placa dúas figuras semi-núas, un home, cunha póla de loureiro? ou de oliveira?. E unha muller cun neno nos brazos. E paxaros no lado do home e  peixes no lado da muller. Os símbolos e as figuras alegóricas aparecen sempre na obra de Asorey. Non esquezamos que el formouse na tradición modernista-simbolista de finais do s. XIX e principios do XX. Hay pouca narración nas súas obras, pero infinidade de símbolos dos que ás veces é dificil saber o significado. Tamén aparecen figuras alegóricas nesta outra placa dedicada a Isidoro Bugallal,  feita con anterioridade, en 1916:
Foto: M. Iglesias


Tamén aparece a un lado un home, e unha muller cun neno no outro. Soen ser figuras núas ou semi-núas. E repítese a presenza de figuras alegóricas similares nos lados noutra placa de 1946, dedicada a Simeón García de la Riva:

Foto: Pedro García Nieto

 
Trátase polo tanto esta pequena placa en bronce dunha obra menor saída do obradoiro do artista pero en datas moi significativas para o autor e que nos reafirma na amizade con Camilo Díaz Baliño e a vinculación co ideario das Irmandades da Fala.