lunes, 8 de enero de 2018

AS ESCULTURAS DO MESTRE MATEO NA CATEDRAL DE SANTIAGO


http://www.detectivesdelahistoria.es/wp-content/uploads/2015/10/portico-de-la-gloria-completo-2.jpg

Comentei noutra entrada anterior o programa arquitectónico e iconográfico do Pórtico da Gloria de xeito xeral. Imos agora polo miúdo.

Localizastes os personaxes citados por san Xoán no Apocalipse?


O Deus ou Pantocrátor (todopoderoso) do Pórtico da Gloria ocupa o espazo central, é a Maiestas Domini como en moitas outras representacións do románico. Pero algo cambiou, este é un deus máis amable, que mostra os signos de dor, as chagas das mans que lle atravesaron os cravos na cruz, a ferida do peito cando lle cravaron a lanza... O xeito tradicional de representalo é bendicindo (anque parece que máis que bendicir ameaza) e cun libro.



  Comparando estas dúas representación do mesmo tema, de épocas similares, segunda metade do s. XII, vese a novidade do Pórtico de Mateo. O seu Cristo-Deus todopoderoso é máis natural, máis real. Alónxase da mentalidade do románico de meter medo á poboación porque a fin dos tempos está cerca. Tamén os tetramorfos (as catro formas ou vivientes que cita o Apocalipse) que simbolizan aos catro evanxelistas, os apóstolos que contaron nos evanxeos a vida de Cristo, son diferentes. Aparecen os seus símbolos: s. Xoán a águia, s. Marcos o león, s. Lucas o touro e s. Mateo o anxo. Pero de novo Mateo dá un paso máis na conquista da realidade, os evanxelistas aparecen escribindo sobre un pergamiño por riba do seu signo, de xeito similar a como farían os escribas medievais. Dixo Castelao que neste pórtico predomina máis a Gloria que o Xuízo final. Noutras portas medievais faise máis fincapé na idea do xuízo e o castigo aos pecadores (véxase en Conques) que aquí queda relegada ao arco lateral sur. O arco central representa a Gloria, a segunda volta de Cristo, a parusía.

Á parte das figuras comentadas tamén aparecen neste tímpano central, aos lados de Cristo, anxos que levan os instrumentos con que este foi torturado, seguindo esa idea que citamos de falar do sufrimento de Cristo que nunca aparece na arte románica e si será unha característica da nova arte gótica.

De esquerda a dereita anxos coa columna, a cruz e a coroa de espiñas. Coas mans "veladas", sen tocar directamente o obxecto, para remarcar o seu caracter sagrado.

Máis anxos coa lanza que lle atravesou o peito e os catro cravos, a xarra co viño e fel que lle deron a beber, o martelo e cilicio co que o torturaron e finalmente o último anxo leva unha cana coa esponxa coa que lle deron de beber o fel. Os anxos apoian os pés sobre unhas follas carnosas, furadas co trépano, que se repiten por toda a obra de Mateo, é case unha marca do seu estilo. Abaixo de todo é posible ver a inscrición que se coloca ao finalizar o Pórtico, en 1188:

ANNO AB INCARNATIONE DNI MCLXXXVIII ERA MCXXVI DIE KL APRILIS SUPER LIMINARIA PRINCIPALIUM PORTALIUM [dintel esquerdo]
ECCLESIA BEATI IACOBI SUNT COLLOCATA PER MAGISTRUM MATHAEUM QUI A FUNDAMENTIS IPSORUM PORTALUIUM GESSIT MAGISTERIUM [dintel dereito]

"No ano da encarnación do señor de 1188, Era 1226, no día das Kalendas de abril [día 1º do mes], os dinteis do pórtico principal da igrexa do benaventurado Santiago foron colocados polo Mestre Mateo, que dirixíu este portal dende os seus alicerces"

As dimensións deste arco central son tan grandes que faise preciso colocar unha columna ou parleluz no medio. Aquí aproveita Mateo para colocar a figura de Santiago, patrón da igrexa, xusto debaixo de Cristo, e en liña co altar que está ao fondo, onde está outra imaxe de Santiago.
A figura de Santiago aparece representada co báculo en tao, a letra T grega, que levaban os bispos composteláns. leva tamén un pergamiño, cunha inscrición hoxe ilexible que debía ser: Misit me Dominus (envioume o Señor). Está sobre un trono asentado sobre os lombos de leóns, un animal con moito simbolismo no románico e que a miúdo está relacionado con Cristo. Santiago é o patrono desta catedral, é lóxico que ocupe un lugar preferente neste pórtico pero tamén demostra Manuel Castiñeiras como hai un interese por relacionar a Santiago con Cristo, por exemplo relacionándoo coa súa xenealoxía. Santiago e Xoán, seu irmán, eran primos irmáns de Xesucristo, fillos de dúas irmáns: María e María Salomé.



Por debaixo de Santiago aparece unha columna en mármore (hai tres no Pórtico) na que está representada no capitel a Trindade, as tres persoas do dogma cristiá: pai, fillo e espírito santo (a pomba) e por debaixo a xenealoxía de Cristo.



A xenaloxía de Cristo represéntase conforme á árbore de Xesé que se cita na profecía de Isaías e no Novo Testamento. Abaixo da columna o propio Xesé representado como un vello, do seu peito xurde a árbore e nas súas polas aparecen David, o seu fillo, (tocando a arpa) e logo Salomón, o seu neto, e enriba de todo a Virxe.


Ns laterais do arco central aparecen representados profetas (esquerda) e apóstolos. Os profetas representados son de dta a esq. Moisés (coas táboas da lei), Isaías, Daniel e Xeremías (aparece seu nome no pergamiño que portan). Serafín Moralejo lanzou a idea fai anos de que a presencia de tantos profetas no Pórtico (aquí e noutros lugares, incluída a contraportada) así como a presencia dos anciáns portando instrumentos e outras referencias simbólicas musicais podían explicarse considerando que o Pórtico estaba inspirado nun drama litúrxico do s. XII chamado Ordo Prophetarum, ou procesión dos profetas que soía representarse en Nadal. Na Catedral de Santiago púdose ver esta representación  varios anos durante o Nadal. Foi interrumpida en 2010.

A hipótese da inspiración nese drama litúrxico explicaría a presencia no pórtico de figuras como o poeta Virxilio, a sibila Eritrea, s. Xoán Bautista e Nabucodonosor que son personaxes do Ordo Prophetarum.


Xusto en fronte aparecen representados apóstolos. De esq a dta, Pedro (coas chaves), Pablo (co libro), de novo Santiago (con libro e bastón en tao) e tamén de novo o seu irmán Xoán (imberbe por ser o máis novo dos apóstolos, con libro por haber escrito o Evanxeo e pisando un aguia, o seu símbolo).

Esto no que respecta ao arco central. Os arcos laterais están en relación co arco central. Xa Serafín Moralejo puxo de relevo que no sermón De symbolo do bispo de Cartago, Quodvultdeus, contemporáneo de s. Agustín, se falaba dos signos do Xuízo Final: o descenso ao limbo, o inferno e a Parusía de Cristo. Este texto servirá de inspiración posteriormente para o Ordo Prophetarum. Así que probablemente teñamos neste pórtico esa representación: no arco esquerdo (ou norte) o descenso ao limbo, no arco central, a Parusía, ou segunda chegada de Cristo e a Gloria, e no arco dereito (ou sur) O inferno. Vexámolo en detalle.

Arco norte. Descenso ao limbo
Na primeira arquivolta aparecen dez figuras coroadas e con pergamiños aprisionadas por unha moldura redondeada que se ten interpretado como símbolo da lei de Moisés, a lei xudea.


Arco norte. Primeira arquivolta, no centro Cristo entre Adán e Eva, representados nús e tapados coas carnosas follas mateanas. A un lado e outro aparecen outras oito figuras (catro a cada lado), tamén entre follas, case todas con coroas na cabeza e falando entre si, que se teñen identificado con personaxes do Antigo Testamento.

A interpretación do arco da dereita (ou sur) é máis sinxela, porque aparece representado o Xuízo Final, segundo recolle o evanxeo de s. Mateo. Nas claves das dúas arquivoltas aparecen deus pai e s. Miguel, o anxo que pesa as almas. Á dereita (pero esquerda ou siniestra de deus como di o Evanxeo) esceas do Inferno e os condeados, que son devorados por monstros. Á esquerda (dereita de deus) os elixidos, representados coas figuras núas de nenos (representación da alma na Idade media) que son conducidas cara o arco central (a Gloria) por anxos.
Nesta imaxe vemos aos condenados e a imaxe dun anxo tocando unha trompeta, tal como se conta no Apocalípse de s. Xoán.


A ambos lados do arco central figuras de anxos conducen as almas cara a Gloria
As almas do arco da esquerda están coroadas. Algúns autores apuntan a que se trata do pobo xudeo, o elixido. Certamente o arco da esquerda parece máis relacionado co Antigo Testamento, a antiga lei. Cristo, cuxa vida se conta no Novo Testamento trouxo a nova lei. 
 
Nas xambas das columnas dos arcos laterais tamén hai estatuas-columnas, xa de menos calidade, o que indica que as fan artitas do taller de Mateo pero menos dotados. Quizais sexan profetas os do arco esquerdo e apóstolos os do arco dereito, seguindo a representación do arco central e o esquema de oposición antigo-novo testamento.
 
Apóstolo
 






Non remata aquí a descripción das esculturas do Pórtico, son centos as representadas. detivémonos nas máis importantes.

domingo, 7 de enero de 2018

MARÍA AUXILIADORA. ASOREY E A IMAXINERÍA RELIXIOSA

Francisco Asorey aprende o oficio de escultor no obradoiro de imaxinería relixiosa que os Salesianos tiñan en Sarriá, Barcelona. E as súas primeiras obras, son polo tanto imaxes relixiosas. A primeira obra súa que coñecemos é un Cristo que formaba parte dun Calvario, xunto coas imaxes de san Xoán e a Virxe. O Cristo consérvase no Colexio dos Salesianos de Barakaldo, nada sabemos das outras dúas imaxes.  En Barakaldo monta Asorey o seu primeiro obradoiro de escultura, do que empezan a saír encargos. Neste sentido comenta Ramón Otero Túñez, na súa obra de 1959, El escultor Francisco Asorey, pax. 92 que neste taller Asorey fai unha imaxe de María Auxiliadora para a igrexa dos Salesianos de Sevilla.

      Imaxe da Virxe  María Auxiliadora, patroa dos Salesianos situada na Igrexa da Trindade  dos Salesianos de Sevilla.  Foto: M. Iglesias


Tiven ocasión de ir recentemente á esta cidade andaluza e visitar a igrexa da Trindade dos Salesianos, falei co rector do colexio e alí nada saben da imaxe de Asorey. A imaxe que alí teñen chegou a Sevilla en 1895 (Asorey tiña 6 anos) procedente do taller de Sarriá. É obra de Parellada, mestre de Asorey nos anos que pasou en Barcelona. Quizais de aí veña a confusión, porque Otero Túñez nese libro citado reproduce unha imaxe desta virxe que corresponde en realidade á de Parellada, tal como puden comprobar.

Reproducción do libro de Otero Túñez de 1959

Detalle da imaxe de María Auxiliadora de Sevilla, obra do escultor catalán Parellada. A imaxe como se pode comprobar comparandoas é a mesma. De onde vén o erro de identificación que fai Otero?

A explicación do erro que comete Otero Túñez, catedrático de Universidade e home moi rigoroso, quizais veña do feito de que el non pudo ir a Sevilla a ver a imaxe e por iso encarga ao Sr. Guede, así o explica nunha nota de agradecemento no seu libro (pax. 92) para que lle envíe unha fotografía. É polo tanto o Sr. Guede o que comete o erro de supoñer que esta imaxe é a de Asorey, cando en realidade é de Parellada.

Non quixen incluír esta imaxe no catálogo de obras que fixen para a miña tese doutoral sobre Asorey porque había cousas que non me cadraban. E isto reafírmame no feito de que non hai que dar sempre por bos os datos que veñen nos libros, anque os proporcione o mesmo Otero Túñez ou calquer outro prestixioso autor, porque ata o máis sabio pode cometer erros. Sempre hai que contrastar a información, especialmente cando temos dúbidas, porque senón os erros perpetúanse dunhas publicacións a outras como tiven ocasión de comprobar.

domingo, 31 de diciembre de 2017

A CONSTRUCIÓN DA CATEDRAL DE SANTIAGO

 Esta entrada está dedicada a Xosé Luís Alonso que pasa 
por uns difíciles momentos estes días debido á morte de seu pai.
El, que compartiu xenerosamente na rede as magníficas fotografías
que fixo nunha viaxe recente ao Languedoc francés, inspirou 
a realización deste pequeno traballo.

O Pórtico da Gloria é unha obra escultórica e arquitectónica. E a pintura que a cubre, aínda hoxe, fai que a podamos considerar unha obra total, onde as tres "belas artes" se funden en armonía. Non entenderemos o Pórtico sen repasar como foi a construción da basílica compostelá. Imos alá.

A historia da catedral de Santiago empeza cando, segundo a tradición, un eremita chamado Paio, ve luminarias, luces, que lle sinalan un lugar, e alí atopa un enterramento, arcis marmoricis, unha arca  ou arcos de mármore. Ao bispo desa diócese, Teodomiro, que vive na vila de orixe romana de Iria Flavia, comunícaselle o descubremento, a inventio. Estamos arredor do 822, no s. IX e sexa polos motivos que sexan, o bispo Teodomiro e o rei Afonso II certifican que estamos ante a tumba do apóstolo de Cristo: Jacob-Iacobus-Sant Iago. Decapitado en Xerusalem no 44 dc e segundo a tradición, traído polos seus discípulos Atanasio e Teodoro ata o finisterre do Imperio romano, e soterrado nun lugar da comarca da Mahía. Ata aquí a tradición, que sexa o apóstolo Santiago o maior o aquí soterrado depende da fe de cada un.

A arqueoloxía comprobou que no lugar onde se atopou esa arca ou arcos de mármore existía unha necrópole (cemiterio) romana que continou sendo utilizada posteriormente polos invasores xermánicos (Suevos).

http://portal.protecturi.org/images/stories/museo_catedral_santiago/Catedral_Santiago_01.jpg
Nesta imaxe podemos ver, superpostas ao plano da catedral románica, as tumbas romanas e xermánicas atopadas nas excavacións realizadas, entre outros, por Manuel Chamoso Lamas, nos sotos da catedral, e que hoxe é posible visitar.

Atópase na rede un artigo de E. V. Pita, con interesantes debuxos que reproducen hipotéticamente como sería a cidade de Santiago nesa época. A actual cidade sitúase sobre un interfluvio ou outeiro entre os ríos Sar e Sarela. A catedral está asentada efectivamente sobre unha zona de forte pendente (de aí os problemas arquitectónicos aparecidos para alicerzar a construción).  E. V. Pita apunta a posibilidade da existencia dun campamento romano, asentado sobre o que hoxe é a zona da praza de Cervantes, chamada de antigo a praza do Campo. Extramuros deste campamento atoparíase outro asentamento de comerciantes romanos, que daría orixe ao topónimo Vilar (hoxe rúa do Vilar). E entre ambos un cemiterio ou necrópole (a praza da Quintana continuou sendo moitos séculos despois un lugar de enterramento). Este asentamento de época romana estaría en relación coa proximidade á vía XIX per loca marítima que viña de Braga e continuaba ata Lugo. Aparece ilustrada esta hipótese con interesantes debuxos.

http://archeopolis.blogspot.com.es/p/santiago-de-compostela_82.html
 O bispo eo Rei confirman que ese enterramento era o de Santiago e non faltaron motivacións políticas para facelo, como a necesidade de afirmación da monarquía Galaico-Asturiana fronte á sé episcopal toledana, sita en territorio musulman. Edifícase entón, sobre o chamado edículo apostólico unha pequena igrexa que o protexa e aséntase ao seu carón unha comunidade de monxes, o mosteiro de Antealtares (de aí o seu nome), para que coide a tumba e manteña o culto. Anos despois esa pequena igrexa quédase pequena e Afonso III manda construír unha máis grande, de estilo prerrománico asturiano, de feito unha das máis grandes construídas nesa época, o s. X.

http://www.arquivoltas.com/21-lacoruna/Santiago%20G04a.jpg

Nesta imaxe pode verse o plano da igrexa de Afonso III construída integrando o edículo apostólico (na capela maior) e a primeira igrexa de Afonso II. No século seguinte (s. XI) ante a afluencia de peregrinos, de novo vai ser preciso ampliar a Igrexa de Santiago; tamén pudo influír a necesidade de reconstruír os danos causados polo ataque de Almanzor á cidade no 997 e así se fará reinando Afonso VI e o bispo Diego Peláez. 

O inicio da construción está datado nun dos capiteis das columnas da capela central do Salvador da actual catedral románica, no 1075. Na imaxe anterior aparecen as primeiras capelas construídas da nova basílica por detrás do edículo e no espacio do Mosteiro de Antealtares, co que houbo que chegar a acordo para que retranquease a súa situación.

O Códice Calixtino di que " os mestres canteiros que empezaron a edificar a catedral de Santiago chamábanse don Bernardo o vello, maestro admirable, e Roberto, con outros cincuenta canteiros". Estívose traballando na nova construción ata 1088 en que se interrumpen as obras, debido ao conflicto xurdido entre o bispo Diego Peláez e o rei Afonso VI que levou ao bispo á cadea e posteriormente ao exilio en Aragón.

Plano-maqueta da basílica prerrománica de Afonso III, mosteiro de Antealtares e capela da Corticela (xerme do futuro Mosteiro de s. Martiño Pinario)  sobreposto ao plano da catedral románica posterior



                          http://3.bp.blogspot.com/-rSESrt8ClCg/VQKstArP1QI/AAAAAAAAH98/K2EebSmyie8/s1600/DSC01907.JPG                                        Reconstrución virtual de Santiago no s. X. O nº 1 corresponde á basílica de Afonso III, 2 á capela da Corticela, 7,8,9 ao Mosteiro de Antealtares. Abaixo plano hipotético da cidade nesa mesma época, aparece na gran enciclopedia galega.

 
http://2.bp.blogspot.com/-Bnler3E8kIo/VUiMRFeGG6I/AAAAAAAAIgo/b9uQ3rP0S9o/s1600/mapasantiagoIX.jpg
As obras reanúdanse uns seis anos despois en 1094, e faise cargo delas o chamado mestre Esteban que incorpora modelos da catedral de Jaca. A influencia e conexión de artistas e canteiros ao longo de todo o camiño de Santiago francés estará sempre presente na construción da basílica, como veremos. Nesta nova etapa constructiva será fundamental a intervención a partir do 1101 do novo bispo compostelán: Diego Xelmirez. As obras aceléranse e supoñen un plantexamento constructivo máis ambicioso, en consonancia coa política de Xelmirez, que consigue para Santiago converterse en Arquidiócese, e para el, ser arcebispo ata 1140, en que morre. O mestre Esteban abandona as obras e sabemos que xa está traballando na catedral de Pamplona dende 1101. 

En 1105 Xelmírez consagra os altares das capelas da xirola e o novo altar da capela maior, no que a tumba quedaba situada nunha especie de sancta santorum, por debaixo do altar maior, non visitable polos peregrinos directamente e protexida por unha reixa. Isto cambiará cando se produza a consagración da basílica en 1211 e se coloque tralo altar maior, en lugar elevado, unha monumental estatua de Santiago en pedra policromada que aínda existe hoxe nese lugar (a famosa aperta ao santo) con engadidos barrocos. Segundo Manuel Castiñeiras (ver o catálogo da exposición Maestro Mateo que se fixo no museo do Prado e estará no Pazo de Xelmírez de Santiago ata o 23 de febreiro de 2018 -visita obrigada-) esta especie de santuario abriríase de xeito regulado aos peregrinos.



                                            http://consellodacultura.gal/Images/2013Xelmirez_ManuelCastinnneiras_03.jpg                                                           Reconstrución dixital do altar maior da catedral en tempos de Xelmirez baixo o asesoramento de Manuel Castiñeiras. Abaixo a mesma reconstrución pero correspondente á colocación da estatua sedente de Santiago cando se consagra a catedral en 1211



 Posteriormente construiuse o transepto e as súas capelas, no que traballa o chamado mestre de Praterías, cúbrese tamén o cruceiro cun ciborio e avánzase nas obras da tribuna ou galería que percorrerá toda a planta da catedral de Santiago, seguindo as pautas doutras igrexas de peregrinación francesas como s. Sernin de Toulousse ou sta Fe de Conques.

Con permiso de Xosé Luís Alonso compartimos unhas magníficas fotografías que fixo recentemente en Toulousse e Conques. As basílicas de Santiago, s Sernin e sta Fe responden ao modelo de igrexas de peregrinación que gardan reliquias de santos e que se difundiu a través do Camiño de Santiago Francés. Teñen as tres planta basilical de cruz latina, con xirola, nave central e laterais (3 en Santiago e Conques, 5 en Toulousse), tribuna por riba das naves laterais, bóvedas de medio canón con arcos faixóns na nave central máis ancha, bóvedas de aresta, tamén con faixóns nas naves laterais... Poñeremos agora tres imaxes do espazo interior destas basílicas e seguro que teredes dificultades para diferenciar cal corresponde a Santiago. 

Arcos dobres peraltados (levantados), bóveda de medio canón con arco faixón na nave central e tribuna sobre a nave lateral







Corresponden as imaxes por esta orde a Conques, Santiago e Toulousse

 Tamén se constrúen nesta fase as dúas fachadas dos extremos do transepto. Dado que as igrexas cristiás orientan o altar cara o leste por motivos simbólicos, estas fachadas situadas no brazo menor da cruz latina da planta da catedral, serían a norte ou do Paraíso, e a sur ou de Praterías. A portada norte tamén era chamada Francíxena por seren por esta porta por onde entraban os peregrinos do Camiño francés, que entraban na cidade pola porta do Camiño, subían á praza do Campo ou Cervantes e baixaban pola acibechería ata esta porta norte da Catedral.  

                                         http://consellodacultura.gal/Images/2013Xelmirez_ManuelCastinnneiras_02.jpg                                                                                   Reconstrución virtual de como sería a porta Francíxena ou do Paraíso. O seu nome vén de que as esculturas que existen teñen temas relacionados coa creación do home, o pecado orixinal  e a expulsión do paraíso. Esta fachada sufriu un incendio no s. XVIII que motivou que fose substituída por unha nova, de estilo tardobarroco e neoclásico, que é a que vemos hoxe. Isto probablemente motivou o traslado de varias das esculturas para a portada sur ou de Praterías.        

Manuel Castiñeiras, discípulo de Serafín Moralejo, ten estudado e interpretado o programa iconográfico das  esculturas destas dúas portadas, así como os artistas que participaron. O Consello da Cultura Galega permite acceder on-line a este interesante artigo de Castiñeiras: Jaca, Toulouse, Conques y Roma: las huellas de los viajes de Diego Gelmírez en el arte románico compostelano.
Non deixedes de lelo. Nel relaciona as dúas viaxes que Xelmirez fai a Roma seguindo o camiño de Santiago á inversa e pasando por cidades como León, Burgos, Jaca, Toulousse, Conques ou  Módena, onde toma contacto coas obras das igrexas románicas que se están facendo e cos artistas que alí traballan, moitos dos cales veñen traballar a Compostela. Castiñeiras identifica traballando nas portadas norte e sur de Santiago aos seguintes seis artistas: o mestre da porta Francíxena, o mestre das columnas "entorchadas" (retortas), o mestre do Cordeiro, o mestre das Tentacións (que traballará en Conques), o mestre da Traición e o mestre da Transfiguración. Os catro primeiros traballarán na porta norte (pero despois por remodelacións na porta sur algunhas esculturas son trasladadas para aquí), os outros dous na porta sur. Destaca especialmente o mestre da porta Francíxena, que  Moralejo chamou o mestre de Praterías. A el se deben os relevos do rei David, a creación de Adán, muller do león... e a muller coa caveira. Moi recomendable a lectura deste artigo para coñecer novas interpretacións sobre o programa escultórico destas dúas portadas que simplificando representarían: a porta norte ou do Paraíso, o Antigo Testamento e os inicios da humanidade e caída no pecado; e a porta sur ou de Praterías, o Novo Testamento e a dobre natureza divina e humana de Cristo. Volveremos sobre estas esculturas noutra entrada deste blog. Volvamos ao avance das obras de construción da Catedral.

As obras na Catedral continúan impulsadas por Xelmirez e pese á rebelión do pobo de Santiago contra el e a raíña Urraca que chegou a prenderlle lume á basílica. En 1140 morre Xelmirez e as obras estaban sen rematar. Faltaba concluír o brazo maior da cruz e pechar a fachada occidental. Descoñecemos con total seguridade o que se atopa Mateo cando en 1168 se fai cargo das obras. Hai autores que din que xa existía feita unha fachada oeste que logo Mateo derrubaría. Non parece probable. Ademais avanzar na construción da nave principal tiña o problema do desnivel existente, para o que Mateo vai dar unha solución moi imaxinativa.

Crese por tanto que Mateo remata os últimos tramos do brazo maior da catedral, seguindo o patrón anterior en canto a medidas pero introducindo algún elemento decorativo propio. Traballa baixo o patrocinio do rei galego-astúr Fernando II ( o que lle concedeu a pensión vitalicia) e sucesivamente, dos bispos: Pedro Gudestéiz (existe un capitel na tribuna co seu nome), Pedro Suárez de Deza e Pedro Muñiz. O remate da portada occidental faise a través dunha estrutura en 3 niveis: Cripta ou catedral vella, Pórtico (solución moi francesa) e Tribuna. O programa arquitectónico e escultórico van estar intimamente unidos. Foi Serafín Moralejo o primeiro en demostrar esta unidade construtiva e iconográfica. Todo remite ao último libro da Biblia: a visión que tivo san Xoán evanxelista, apóstol de Cristo e irmán pequeno de Santiago, de como sería a fin do mundo, a cidade celestial ou Nova Xerusalem e o día do xuízo. Estamos falando do Apocalipse. As referencias a este no arco central do Pórtico son evidentes, pero o finado profesor Moralejo demostrou que tamén existían na cripta e na tribuna. Así a bóveda central da cripta ten dúas claves nas que dous anxos sosteñen un sol e unha lúa, e na clave da bóveda da tribuna aparece un año ou agnus dei. No Apocalipse de san Xoán, 23,  dise que: "Vin un ceo novo e unha terra nova, porque o primeiro ceo e a primeira terra desapareceran e vin a cidade santa, a nova Xerusalem, o seu brillo era semellante á pedra máis preciosa, tiña un muro grande e alto e doce portas. A cidade non precisa de sol nin de lúa que a iluminen, porque a gloria de Deus a ilumina e a súa luz é o cordeiro". A cripta representaría así o nivel terreal, iluminado polo sol e a lúa, e a tribuna que está por riba do Pórtico, a cidade celestial iluminada polo año de Deus, símbolo de Cristo.

Fases construtivas da Catedral


Claves das bóvedas da cripta con anxos astróforos, portando o sol e a lúa


Clave da bóveda da tribuna co Agnus Dei, o año de Deus, símbolo de Cristo e do seu sacrificio

En medio de Cripta e tribuna está o Pórtico da Gloria, chamado así porque aí se representa o Xuízo final, tal como se describe no Apocalipse de san Xoán:

"Tiven unha visión e vin unha porta aberta no ceo e un trono colocado en medio do ceo e, sobre o trono Un sentado. Arredor do trono vin outros vintecuatro tronos e sobre os tronos estaban sentados vintecatro anciáns, vestidos de vestiduras brancas e con coroas de ouro sobre as súas cabezas. Diante do trono había catro vivientes, o primeiro viviente era semellante a un león, o segundo a un touro, o terceiro a un home e o cuarto a un águia voadora. Despois disto mirei e vin unha muchedumbre grande que ninguén podía contar, de toda nación, tribu, pobo e lingua, que estaba diante do cordeiro, vestidos de túnicas brancas, clamaban con grande voz dicindo: ¡saúde ao noso Deus¡, tomou a palabra un dos anciáns e díxome: estos son os que veñen da gran tribulación e lavaron as súas túnicas e blanqueáronas no sangue do cordeiro. Vin sete anxos que estaban en pé diante de Deus, aos cales foron dadas sete trompetas e dispuxéronse a tocarlas (...)"

Seguro que sodes capaces de localizar estas escenas nesta biblia en pedra que é o Pórtico da Gloria :

http://porticodelagloria.com/lectura-del-portico_files/gallery-2.jpg

Das esculturas do Pórtico falaremos con máis detalle noutra entrada. Rematado este - segundo a inscrición que aparece nos seus dinteis, en 1188, pero as obras deberon continuar algúns anos máis- prodúcese a consagración da Catedral. Isto ten lugar en 1211, nesa cerimonia participou o rei de Galicia e León, Afonso VIII (ou IX seguindo a numeración castelá), que está soterrado no Panteón Real da Catedral de Santiago (hoxe Capela das reliquias), xunto ao seu pai Fernando II. 

Cando se produce a morte de Afonso VII, nacido e criado en Galicia, chamado o emperador pola sumisión vasalática que lle fixeran os demais monarcas da península, o reino divídese entre o seu fillo Fernando, rei de Galicia e León, e Sancho, rei de Castela. Deste xeito Fernando II e o seu descendente Afonso VIII (ou IX) dan unha gran importancia á Catedral de Santiago, a capital relixiosa do seu reino (en contraposición a Toledo para os castelás) e de aí o interese por promover as obras da basílica e por convertila no seu panteón real. Posteriormente á morte de Afonso as coroas de Galicia, León e Castela,  volven  xuntarse no rei Fernando III chamado o Santo.

Reconstrución virtul hipotética da catedral ao remate das obras
http://www.realacademiabellasartessanfernando.com/assets/images/cursos/66.jpg

                                            http://www.archicompostela.es/wp-content/uploads/2015/10/catedral_romanica.png                                                                                           A fachada occidental deseñada por Mateo.                                                                     Pódese ver a porta de acceso á cripta. A cripta permitía salvar o desnivel que existe hoxe (e existía entón), entre as naves da basílica e o nivel da praza do Obradoiro. Descoñécese con seguridade se o acceso ao Pórtico facíase só a través do interior da cripta (existe aínda hoxe unha escaleira) ou por unha escalinata exterior. A actual foi construída posteriormente. Tamén se pode ver como o Pórtico estaba protexido por unha estrutura (seguindo modelos franceses) pero ao mesmo tempo aberto ao exterior, neste momento non existían portas. A basílica estaba permanentemente aberta, tal como se di no Códice Calixtino. Por ese motivo no s. XVI decidiuse colocar unhas portas e deste xeito houbo que remodelar a fachada de Mateo por vez primeira, eliminando as esculturas dese "pórtico exterior" das que falaremos. A segunda e máis completa faríaa Fernando Casas no s. XVIII que é a conservada actualmente.



O mestre Mateo fai a súa obra na segunda metade do s. XII, cando xa o estilo románico empeza a quedar obsoleto e empeza a alborexar un novo estilo: o gótico. Mateo coñece de xeito moi temperá estes cambios e isto vese na nova basílica. Usa bóvedas de crucería en cripta, pórtico e tribuna como as que empezaban a usarse nos primeiros centros artísticos do gótico francés: en Borgoña e París. Tamén na escultura vense estas novidades, un novo espírito, máis naturalista, as anima. Isto confima que Santiago é neste momento un dos centros artísticos de vangarda de Europa.

Bóvedas de crucería de cripta, pórtico e tribuna. Montaxe: M. Iglesias
As bóvedas de crucería supoñen un adianto construtivo. Concentran o peso da bóveda nesa especie de vigas de pedra que chamamos nervios que se cruzan nun punto central ou clave. Eses elementos aguantan o peso do teito e permiten gañar máis altura. Por iso empregan un novo tipo de arco: o apuntado ou oxival, máis alto e que permite a entrada de máis luz. Baseándose na teoría de san Agustín da beleza que a identifica coa luz e o simbolismo relacionado coa divindade que esta tén: é inmaterial e omnipresente, os arquitectos do gótico francés, empezando polo abade de Saint Denis en París empezan a usalas. Mateo está ao tanto destas innovacións, e el tamén buscaba máis altura e luz para a súa obra, por motivos construtivos e simbólicos.

                                                  http://archeopolis.blogspot.com.es/p/santiago-de-compostela_82.html                                                                          Reconstrución virtual de Santiago coa catedral románica (nº 14) rematada. Respecto á reconstrución do s. X vese como o perímetro da cidade aumentou, hai unha nova muralla máis grande e na que se abren numerosas portas. A nº 1, corresponde á Porta do Camiño, por onde entraban na cidade os peregrinos do Camiño francés, o que viña dende Labacolla, Arzúa, Melide... O nº 4 corresponde á chamada Porta da Trindade, é a que se atopa máis cerca da fachada oeste da Catedral. A nº 5 corresponde á actual Porta Faxeira, xa non hai porta, pero quedou o nome. De aquí partía o camiño sur que levaba a Padrón e Pontevedra. O nº 6 corresponde á Porta de Mazarelos, esta é a única que se conserva en pé hoxe. De aquí partía o camiño cara Lalín e Ourense e polo visto era por onde entraba na cidade o viño do Ribeiro. O nº 17 corresponde á rúa do francés, ou do Franco, polas numerosas tendas e tabernas que tiñan os franceses aquí asentados. O nº 18 á rúa do Vilar e o 19 probablemente á rúa Nova, que se abriu máis tarde, de aí o seu nome.


Se tés tempo non deixes de ver este video da páxina do Museo do Prado onde tiveron lugar varias conferencias sobre o Pórtico da Gloria e a Catedral de Santiago co gallo da exposición sobre o Mestre Mateo que alí estivo e que hoxe está no Pazo de Xelmirez de Santiago (ata o 23 de febreiro).





sábado, 30 de diciembre de 2017

QUEN FOI O MESTRE MATEO?

http://patrimoniocultural11.wikispaces.com/file/view/santocroques.jpg/220029334/santocroques.jpg

Aos pés do Pórtico da Gloria autorretrátase Mateo


Pouco sabemos deste xenio da escultura. Naceu en Galicia? en Santiago? ou en Francia?. Na cultura teocéntrica da Idade Media o individuo non ten moita importancia. Os artistas son considerados artesáns, traballan coas súas mans e polo tanto pertencen ao estamento de menos prestixio, os laboratores, sometidos a traballos e impostos. Fan o que se lles pide,  pouco sabemos da vida destes artistas, ás veces nin o seu nome: o escultor que traballou na portada sur da catedral, a de praterías, coñecémolo como o mestre de praterías. Como moito coñecemos o nome dalgúns, como Mateo.

Pero  moi excepcional debía ser este home para que o rei Fernando II asine un documento no ano 1168 no que concede ao magistri Matheo unha pensión de por vida de 100 marabedíes ao ano para que "redunde en melloría da obra de Santiago e da túa propia persoa". O documento consérvase no arquivo da Catedral de Santiago.

Pouco máis sabemos, non se conserva apenas documentación. Prado-Vilar afirma que debeu ser unha persoa de sólidos coñecementos, formada fóra da Península, quizais en París ou Chartres, dúas cidades que contaban con escolas catedralicias que tiñan contactos con Compostela. Sabemos por exemplo que o Arcebispo Pedro Suárez de Deza, formouse en París. E foi arcebispo de Santiago entre 1173 e 1206, é dicir na época na que se constrúe o Pórtico da Gloria. As influencias da arte francesa no Pórtico son indudables e teremos ocasión de sinalalas nas próximas entradas.

https://cdn.superstock.com/4409/Download/4409-105853.jpg
O Mestre Mateo retrátase o pé da súa obra, axeonllado e humilde, mirando cara o altar da basílica e o santo apóstolo. Suxeita cunha man unha filacteria na que xa non é posible ver a inscrición pero que por tradición se di que levaba escrito Architectus. Coa outra man toca o peito, o corazón?. Francisco Prado-Vilar interpreta así estes elementos en clave simbólica: a man que executa a obra conéctase co corazón, que na época medieval se relaciona co intelecto (a memoria, a inventio e a phantasia). A figura viste unha túnica e os cabelos resólvense en múltiples rizos, como os que adornan moitas das esculturas do Pórtico e que son un elemento identificatorio das obras do mestre Mateo.

Todo cambiou na escultura galega dende o Mestre Mateo. E durante varios centos de anos non houbo escultura feita en Galicia que non se vise influída pola obra deste xenial artista. Ata chegar a Asorey.

miércoles, 8 de noviembre de 2017

O MESTRE MATEO E FRANCISCO ASOREY

 Hai dúas esculturas que están expostas agora mesmo no Pazo de Xelmirez de Santiago, dentro da exposición sobre o Mestre Mateu. Existe unha gran polémica porque na actualidade son propiedade da familia do ditador Francisco Franco pero foron adquiridas de xeito irregular.

Francisco Asorey admirou profundamente a obra do Mestre Mateu. Sabemos por diferentes testemuñas que pasou moitas horas contemplando e estudando o Pórtico da Gloria. "Allí aprendí mi arte" díxo nunha entrevista en Vida Gallega en 1928. E recentemente enteránomos de que o Concello de Santiago pedíralle que fixera un informe sobre a calidade artística e o valor económico dunhas figuras que o Concello ía mercar ao Conde de Ximonde por 60.000 pesetas de 1948.  Son as esculturas da polémica que nos van dar pé a falar de Asorey e sobre todo do Mestre Mateu.

Foto: https://elpais.com/ccaa/imagenes/2012/03/02/galicia/1330718120_040417_1330719918_noticia_grande.jpg


O informe que Asorey fixo consérvase no Arquivo Histórico Universitario e di así:

INFORME QUE PRESENTA AL EXCMº AYUNTAMIENTO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA, POR REQUERIMIENTO DE UN OFICIO DEL NEGOCIADO ALCALDIA Nº  5114

 FRANCISCO ASOREY GONZÁLEZ , vecino de esta ciudad, en el oficio que se me pide que el citado [Ayuntamiento]desea adquirir tres estatuas de piedra y desea que yo determine el valor artístico, el cual acepto gustosamente.
Tengo ante mi las tres estatuas citadas, dos sedentes y otra erguida; despues de observarlas detenidamente deduzco lo siguiente:
Que las sedentes son de dos personajes del Antiguo Testamento que debieron estar adosadas  en el pórtico exterior, que al alzarse la nueva fachada fueron retiradas estas.
Son del Maestro Mateo porque la medida de sus proporciones obedecen a las que se requieren para dicho lugar por la comparación con las existentes; hay en el Pórtico las características de facturas escultóricas obedecen en sus rostros, manos, pies y ropajes a las actuales que antes cito y para completar mi afirmación solo les falta el policromado que sería el complemento de todo lo dicho. Algunas observaciones más acerca del hábito en el hacer del maestro en su obra, las frentes las esculpió más anchas en su parte alta que lo normal estrechándose hasta la altura de los ojos con una depresión grande en la parte bridada (la frente vista de frente). Las arrugas son sintéticas y ámplias de factura, los pliegues muy rectos en su caida de aplomo haciendo una salvedad en la [sic] veinticuatro ancianos y algún ángel, y por último los maravillosos ceños de dos estatuas sedentes nos recuerdan los monstruos alados del pórtico lo que no encontramos tanto en la expresión dura en relación con las estatuas que circundan el Salvador que están llenas de expresión serena y muchas observaciones más que tengo con respecto al maestro y por no alargar más este informe retengo.
A la estatua erguida en relación con las anteriores, no le encuentro gran valor artístico; solo puedo decir que su época es el s. XVI o XVII, es un caballero, debió pertenecer a un adosamento de un sepulcro.
Estas estatuas según oficio se ceden en la cantidad de 60.000 ptas. por el valor artístico de las referidas estatuas expreso, que una de ellas vale el precio de las tres.
Celebraría que dichas estatuas quedasen en esta ciudad para la admiración de todos los amantes de las bellas artes y felicitando al EXCMº  Ayuntamiento por tan meritoria labor que así se hacen grandes los pueblos.

Santiago de Compostela, 19 de febrero de 1948

Francisco Asorey  

Dúas desas esculturas das que se fala no informe, son as que hoxe se exhiben en Santiago e que despois de mercalas o Concello, como di Asorey, por un valor monetario inferior ao valor artístico real, pasaron "irregularmente" á familia Franco, despois dunha visita que o dictador fixo a Santiago.

Vese ben no informe o coñecemento que Asorey ten das esculturas do Pórtico da Gloria. Crese hoxe que representan a Abraham e Isaac, pai e fillo no relato bíblico. E estarían situadas no pórtico exterior que se tirou cando se remodela a fachada a principios do s. XVI e cando se poñen portas ao Pórtico. Ata entón a Catedral estaba sempre aberta.

https://s2.eestatic.com/2017/09/22/actualidad/Actualidad_248739000_47692645_855x1140.jpg
Esta escultura representaría a Abraham segundo Serafín Moralejo e ao profeta Jeremías segundo Francisco Prado-Vilar.

Foto: https://s2.eestatic.com/2017/10/24/cultura/patrimonio/Patrimonio-Francisco_Franco-Patrimonio_256736723_51547044_1706x1280.jpg

Isaac segundo Moralejo e o profeta Ezequiel segundo Prado-Vilar

Asorey compara a expresión de Isaac coa dos grifos que existen nas basas do Pórtico da Gloria

Foto: M. Iglesias

Este documento inédito de Asorey, que hoxe traemos a este blog vainos dar pé a falar do Mestre Mateu e do seu Pórtico, prodixio da escultura de todos os tempos. E coñecendo mellor a Mateo, coñeceremos mellor a Asorey.